O primeiro Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior reúne máis de mil persoas

Soutomaior
01 de xuño 2025

O furancho do Pazo María & Conrado fíxose co galardón desta primeira edición do certame. "Éxito total". É a valoración que realiza o goberno local. Os datos superaron todas as previsións

Entrega do galardón Colleiteiro Distinguido Soutomaior 2025
Entrega do galardón Colleiteiro Distinguido Soutomaior 2025 / Concello de Soutomaior

"Éxito total". É a valoración que realiza o goberno local sobre a primeira edición do Encontro do Viño Colleiteiro de Soutomaior, celebrada esta fin de semana. 

Durante este sábado e este domingo, o certame xuntou máis de 1.000 no campo da festa de San Benito, en Romariz.

Os datos de afluencia superaron todas as previsións do goberno local e dos colleiteiros e colleiteiras.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, lembrou que esta cita foi unha demanda veciñal durante décadas e agora "chegou para quedar". Sinalou que esta primeira edición "vai ser a primeira de moitas".

Nesta primeira edición, o galardón 'Colleiteiro distinguido Soutomaior 2025' foi para o furancho do Pazo María & Conrado.

O gañador foi resultado dunha cata a cegas cun xurado profesional composto por Dominique Roujou de Boubée, asesor en viticultura e enoloxía; Juanjo Figueroa, presidente da asociación galega de Sumilleres (AGASU); e Mercedes González Rodríguez, presidenta de Vitislucus- Expertos/as en Análise Sensorial e Enoturismo.

Dez adegas serviron os seus viños durante a fin de semana e tamén houbo churrasco, polbo e ostras na zona gastro e música cos grupos 'Algo pasa con Mery’ e ‘Desconcerto’.

Manu Lourenzo agradeceu o traballo "incansable" dos colleiteiros e colleiteiras para facer realidade este Encontro, resultado da colaboración entre o Goberno local, os pequenos produtores e o tecido social de Soutomaior.