Primeiros contactos cos axentes sociais para perfilar o orzamento municipal de 2019

Pontevedra
26 de outubro 2018

A Federación Teucro foi a primeira entidade social en manter un encontro co goberno municipal de cara a perfilar o proxecto de orzamentos para 2019, no que xa traballan os servizos económicos do Concello

Xuntanza do goberno municipal con representantes da Federación Teucro
Xuntanza do goberno municipal con representantes da Federación Teucro / Mónica Patxot

A Federación Teucro foi a primeira entidade social en manter un encontro co goberno municipal de cara a perfilar o proxecto de orzamentos para 2019, no que xa traballan os servizos económicos do Concello.

Nesa xuntanza, por parte do goberno, estiveron o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, e a tenente de alcalde, Carme da Silva.

Esta primeira reunión responde á petición realizada o pasado ano por parte dos veciños, de poder iniciar as conversas antes da elaboración do borrador de orzamentos.

Así, ambas partes fixeron repaso dos compromisos do pasado ano e os representantes veciñais presentaron algunhas peticións de carácter xenérico tanto da zona rural como urbana, que foron recollidas polos concelleiros do BNG, entre elas novos aparcamentos disuasorios e a incorporación de Pontevedra ao plan autonómico de transporte metropolitano.

A próxima reunión será coa Federación Castelao, aínda coa data por concretar.