O orzamento de Pontevedra para 2019 superará os 76 millóns de euros

Pontevedra
05 de novembro 2018

Unhas contas "expansivas" e de carácter " investidor". Así describe o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, o orzamento para 2019 que, actualmente, atópase en fase de elaboración do borrador e que ascenderá a 76,3 millóns de euros. É un 1,59% máis que o ano pasado, que alcanzou os 75,1 millóns

Raimundo González e Miguel Anxo Fernández Lores
Raimundo González e Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

Unhas contas "expansivas" e de carácter " investidor". Así describe o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, o orzamento para 2019 que, actualmente, atópase en fase de elaboración do borrador e que ascenderá a 76,3 millóns de euros. É un 1,59% máis que o ano pasado, que alcanzou os 75,1 millóns.

Segundo González, haberá un incremento en "case todas" as partidas. Así, a falta dunha serie de axustes, o capítulo de persoal alcanzará os 23 millóns de euros, mentres que os gastos correntes acapararán 32,5 millóns.

As transferencias para entidades como o Pazo de Cultura ou a sociedade de Turismo de Pontevedra serán duns 5 millóns de euros, os préstamos e xuros consumirán 1,7 millóns e as transferencias de capital para actuacións acordadas con outras administracións serán de 1,2 millóns.

Unha das partidas que máis crecerá, adiantou o portavoz municipal, será a relativa ao servizo de axuda no fogar, para o que se contratarán 40.000 horas máis, o que supón un gasto de 500.000 euros adicionais.

En canto aos investimentos, detallou o responsable de Facenda, destinaranse 12 millóns de euros do orzamento, ás que a maiores habería que sumar as actuacións que se financiarán con cargo aos fondos europeos DUSI.

A tramitación do orzamento segue o seu curso, segundo Raimundo González, e tras as reunións entre o goberno e as federacións de veciños, o BNG entregará o borrador das contas para 2019 aos partidos da oposición nas próximas semanas.