A princesa Leonor, xa en Ferrol e últimas horas en Elcano antes da súa chegada a Marín o domingo

Marín
09 de xullo 2025
Actualizado: 13:19

O luns 14 terá unha dobre cita. Recibirá a Medalla de Ouro de Galicia e será nomeada Filla Adoptiva de Marín. O mércores 16 recibirá na Escola Naval o seu despacho como alférez de navío

O buque escola Juan Sebastián de Elcano, coa princesa Leonor (c) abordo, no porto de Ferrol
O buque escola Juan Sebastián de Elcano, coa princesa Leonor (c) abordo, no porto de Ferrol /

A princesa Leonor xa está en Galicia. Este mércores recalou no porto de Ferrol abordo do buque escola Juan Sebastián de Elcano, a súa penúltima parada antes de regresar a Marín o vindeiro domingo, 13 de xullo.

Desta forma, apura as súas últimas horas no buque escola, onde finalizará nos próximos días o cruceiro de instrución que iniciou o pasado xaneiro.

Este mércores, o buque atracou ás 8 da mañá no peirao de Curuxeiras, tras entrar na Ría de Ferrol custodiado por máis de 200 embarcacións que non quixeron perderse este momento tan simbólico, bandeiras e sirenas incluídas.

En Ferrol permanecerán varios días, antes de que o sábado poña rumbo a Marín, onde se espera ao Juan Sebastián de Elcano o domingo.

Xa en Marín, a axenda da princesa Leonor será intensa. Ao día seguinte, o luns 14, terá unha dobre cita institucional.

Así, ás 10.30 horas estará en Santiago de Compostela, onde recibirá a Medalla de Ouro de Galicia nun acto no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Ás 12.30 horas lla espera no Concelo de Marín para ser nomeada Filla Adoptiva da localidade.

O martes 15 de xullo, participará nos actos de clausura do curso académico da Escola Naval Militar de Marín, onde se formou entre agosto e decembro de 2024, antes de embarcarse no cruceiro de instrución en Santa Cruz de Tenerife en xaneiro.

Xa o 16 de xullo, presidirá, acompañada polos seus pais, o Rei Felipe VI e a Raíña Letizia, a entrega de Reais Despachos aos novos oficiais da Armada.

Ela mesma recibirá o seu despacho como alférez de navío no transcurso deste acto tan simbólico na Escola Naval.

 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora