As principais voces do xornalismo cultural galego danse cita no Culturgal da man do Colexio de Xornalistas

Pontevedra
17 de novembro 2025
Actualizado: 14:08

Será o sábado 29 de novembro no Pazo da Cultura para reivindicar a importancia desta área de especialización e fornecer un espazo de reflexión profesional. Está aberta a inscrición gratuíta

Sábado en Culturgal 2024 Cristina Saiz

Algunhas das principais voces da información sobre cultura da comunidade daranse cita na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, da man do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

O CPXG, o Concello de Pontevedra e o Culturgal organizan o sábado 29 de novembro un encontro de xornalismo cultural. 

O acceso á xornada é libre e gratuíto e as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario online

Haberá dúas actividades na Sala VIP do Pazo da Cultura de Pontevedra entre as 11:00 e as 13:00 horas.

A mesa redonda 'Presente e futuro do xornalismo cultural' abrirá a xornada coa participación de Marta Gómez, xornalista de RNE e directora do programa Zig Zag da TVG do 2018 ao 2025; Ana G. Liste, xornalista de Praza e Vinte; Tamara Montero, xornalista de La Voz de Galicia; e Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra. Moderará a sesión Iolanda F. Casal, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas. 

Este encontro reflexionará sobre o percorrido desta temática xornalística como área de especialización informativa: da súa presenza nos medios tradicionais aos novos formatos de comunicación e o seu papel na mediación e prescrición cultural. 

O programa continuará co debate 'Xornalismo e comunicación cultural: sinerxias e malentendidos', coa participación da xornalista e comunicadora cultural Sandra Carnota; Sonia Díaz, comunicadora cultural e docente e titora de comunicación no CEU en xestión e innovación cultural da USC; Alejandro Espiño, xornalista de PontevedraViva; e Susana Regueira, xornalista de Faro de Vigo

Nesta segunda cita, moderada por Carme D. Prol, membro do pleno territorial do Colexio de Xornalistas, profesionais dos medios e da comunicación das entidades e eventos culturais conversarán sobre cal é a relación coas fontes neste ámbito.

Estas conversas entre profesionais da información cultural buscan reivindicar a importancia desta área de especialización e fornecer un espazo de reflexión profesional sobre o contexto no que se exerce actualmente. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora