A actividade cultural no Teatro Principal non se reanudará polo momento. O goberno municipal optou pola cautela e non reabrirá o recinto até coñecer o motivo polo que onte á noite se derrubaba parte do falso teito do anfiteatro.
Tras reiterar que o sucedido foi un "accidente", o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que este sábado acudiu ao teatro para revisar os danos, indicou que se analizarán os informes da Policía Científica e dos técnicos municipais.
A partir do luns, engadiu, farase unha revisión "máis polo miúdo" das instalacións.
En función do que determinen estas inspeccións "tomaremos as medidas pertinentes" para resolvelo e, mentres tanto, os espectáculos previstos no Principal tentarán ser reprogramados no Pazo da Cultura ou noutras dependencias municipais.
Fernández Lores, aínda que non quixo especular coas causas do suceso, explicou durante a súa visita que estudan se a humidade ou algún tipo de filtración, posiblemente provocada polos temporais do inverno, poidan contribuír ao sucedido.
En todo caso, o rexedor indicou que "afortunadamente non houbo grandes desgrazas".
A caída deste falso teito, durante o concerto de primavera da Universidade de Vigo, provocou feridas leves e mazaduras en cinco persoas, entre elas unha muller que acabou cunha brecha na cabeza, aínda que todos evolucionan favorablemente.
"Falarei con eles a ver como están", subliñou o alcalde, que agradeceu o comportamento do público que enchía o Principal tras o sucedido porque "entenderon perfectamente que había que desaloxar" e fixérono con tranquilidade,
Con respecto ao mantemento do teatro, Lores indicou que "isto non era previsible que pasara" porque hai dous anos xa se arranxou o falso teito do patio de butacas "que era o que tiña certas dúbidas" sobre o seu estado.
Os estudos determinaron que o resto estaba ben, afirmou, "pero ao final como isto xa ten unha certa idade calquera tipo de cuestión puido provocar que caíra".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.