Principio de acordo para reubicar no Casal o campo de fútbol de Salcedo-Lourizán

Pontevedra
22 de decembro 2016

Son terreos das comunidades de montes das dúas parroquias. As directivas das comunidades de montes e os clubs están de acordo, a asemblea dos comuneiros de Salcedo xa ten aceptada a cesión, só falta a asemblea dos de Lourizán

Campo de fútbol do Casal, en Salcedo
Campo de fútbol do Casal, en Salcedo / www.camposgallegos.es

O Concello de Pontevedra ven de anunciar un principio de acordo coas comunidades de montes e clubs deportivos de Salcedo e Lourizán para reubicar o futuro campo de fútbol das parroquias no lugar do Casal. A aparición dun petroglifo e vestixios arqueolóxicos nos terreos pensados para a construción do terreo de xogo en Cabanas, obriga a procurar unha alternativa.

O concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, mantivo reunións conxuntas coas directivas da comunidade de montes de Salcedo e o club SCD Salcedo e coas directivas da comunidade de montes de Lourizán e o club Santo André de Lourizán. Nos dous casos os representantes veciñais e deportivos deron por boa a construción do terreo de xogo no Casal, onde estivera o antigo campo.

Segundo o Concello, "a proposta ten un feixe de vantaxes", entre outras citan que o espazo a ocupar é todo terreo dos comuneiros, que a asemblea da comunidade de montes de Salcedo xa ten aceptado a cesión dos terreos da súa propiedade para o campo e que os clubs ven "idónea" a alternativa.

Para chegar a un acordo definitivo só falta o acordo da asemblea da comunidade de montes de Lourizán, pendente de celebración. A directiva apoia a proposta.