A Garda Civil acaba de desarticular un grupo criminal organizado e itinerante ao que atribúen roubos con forza en 14 vivendas de distintos puntos de Galicia nos últimos meses, entre eles, Pontevedra e Vilaboa.
En Pontevedra, no último mes xurdira moita preocupación polo aumento de roubos en casas das parroquias de Marcón e Tomeza.
Segundo a información oficial da Garda Civil, esta banda é de orixe albanesa e foron detidas catro persoas, todas elas enviadas xa a prision.
A operación, bautizada Viporto, iniciouse en decembro, tras detectarse un "considerable aumento" de roubos con forza no interior de vivendas habitadas durante os últimos meses do ano na provincia de Pontevedra.
As sospeitas centráronse nun grupo criminal internacional que se atopaba asentado de forma eventual na cidade de Vigo, zona estratéxica, desde onde planificaba e executaba os roubos.
Os investigadores determinaron que o grupo presentaba un alto grao de organización e estrutura, propio da delincuencia organizada, cunha clara repartición de roles entre os seus integrantes.
Un deles encargábase dos labores loxísticos, xestionando vivendas e vehículos de aluguer, e transportaba ao resto até as localidades onde estaban as vivendas afectadas. Logo permanecía horas en zonas comerciais, facendo tempo para recoller aos seus compañeiros terminado o traballo.

Dous deles desprazábanse monte a través até unha zona de vivendas, percorrendo varios quilómetros a pé, e accedían ao interior mediante apalancamiento dunha xanela. Unha vez dentro, o seu botín era de xoias, ouro e diñeiro en efectivo.
Seleccionaban preferentemente vivendas situadas en zonas rurais ou illadas, moi próximas a áreas forestais, o que dificultaba a súa detección e facilitaba unha rápida fuxida.
Adoptaban importantes medidas de seguridade, cambiando de vivenda e de vehículo catro veces en menos dun mes, co obxectivo de evitar seguimentos policiais.
Axentes da Garda Civil realizaron un constante seguimento que permitiu vincular aos agora detidos cos roubos investigados, en Pontevedra, Redondela, Vilaboa, Santiago e Trazo (A Coruña).
Esta semana, durante os días 27 e 28 de xaneiro, realizaron dous registros domiciliarios en Vigo e Torrevieja (Alacante) e atoparon xoias, reloxos, diñeiro en metálico, efectos persoais, dispositivos móbiles, cartóns SIM, 14 quilos de marihuana e ferramentas e utensilios utilizados para a comisión dos roubos.
Localizouse un zulo nunha zona forestal con diversos reloxos roubados.
Detiveron a catro persoas, unha delas con antecedentes policiais e xudiciais en España, así como cunha prohibición de entrada en territorio nacional.
A investigación continúa aberta e non se descarta a vinculación deste grupo con outros roubos ocorridos en Galicia durante os últimos meses do ano 2025.
A investigación realizárona o grupo de patrimonio da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, baixo a dirección da sección de instrución do tribunal de instancia de Pontevedra Praza 2 e a Fiscalía de Pontevedra. Contouse co apoio da Policía Xudicial de Alacante, USECIC de Pontevedra, USECIC de Torrevieja e a unidade técnica de Policía Xudicial da Garda Civil.