Probas gratuítas nas farmacias para menores de 5 a 11 anos

Pontevedra
10 de decembro 2021

A vacinación para a franxa de idade de 11 a 9 anos comezará a partir do 13 de decembro. Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, lamentou carecer de vacinas suficientes para inocular a toda a poboación infantil neste mes. Tamén anunciou que a Administración autonómica remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a petición do certificado covid tamén para asistir a eventos masivos en interior e a cines

Probas de cribado de covid en farmacias de Pontevedra
Probas de cribado de covid en farmacias de Pontevedra / Mónica Patxot

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres que todas as familias galegas con nenos de 5 a 11 anos disporán a partir da vindeira semana dun test gratuíto nas farmacias, que se complementará cunha PCR de contraste no caso de que dea positivo.

Logo de confirmar que a Administración autonómica remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a petición do certificado covid tamén para asistir a eventos masivos en interior e a cines, o titular do goberno galego anunciou, en relación coa estratexia de vacinación, o adianto da finalización das citacións para a dose de reforzo a persoas de entre 60 e 70 anos ao día 13 de decembro; e a mediados da semana que vén comezarase a citar aos nenos de entre 11 e 9 anos.

Así mesmo, afirmou que o subcomité clínico abordará na súa próxima reunión, e de acordo co seu protocolo, a recomendación de diminuír o número de persoas nas ceas e comidas no Nadal.

O presidente da Xunta concluíu lamentando que Galicia non poida dispoñer das vacinas suficientes para poder subministrarllas a todos os nenos no mes de Nadal, co fin de volver das vacacións con todos eles vacinados.