Produtos galegos de calidade, dieta diaria no comedor do colexio da Lama

A Lama
17 de abril 2024

Este comedor forma parte do programa 'Come Local' da Axencia Galega de Calidade Alimentaria empregando nos pratos elementos de proximidade, con diversos certificados que demostran a calidade, e con trazabilidade garantida

Persoal do comedor do CEIP da Lama
Persoal do comedor do CEIP da Lama / Concello da Lama

'Come Local' é o programa do que forma parte o comedor escolar do CEIP da Lama, unha iniciativa para que os comedores escolares dispoñan de varios produtos galegos nas súas dietas con certificado de calidade como Denominación de Orixe Protexida; Indicador Xeográfico Protexido e Ecolóxicos de proximidadade. 

Entre outros produtos, os escolares xa tiveron a oportunidade de degustar as Fabas de Lourenzá. Ademais, realízanse accións formativas dirixidas a equipos de cociña, equipos directivos e estudantes con asesoramento ao persoal de cociña sobre aprovisionamento para que todo estea a punto.

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) da Xunta de Galicia acolleu este centro educativo dentro do programa, tras solicitude do alcalde David Carrera.

Trabállase co alumnado a importancia da biodiversidade agrícola e a necesidade de comer produtos locais. Tamén se ofrecen informacións sobre o coidado da alimentación incidindo na relevancia das froitas e das verduras de cada tempada para manter unha dieta saudable.

'Come Local' ofrece datos sobre a etiquetaxe dos alimentos, de maneira que todas as persoas con relación co comedor escolar aprendan a diferenza as certificacións.

Ao longo do curso, unha experta en nutrición axudará a introducir outros produtos con certificado de calidade. A campaña recóllese nun mapa interactivo e intégrase nos obxectivos de desenvolvemento sostible da ONU, segundo informan desde o Concello da Lama.