Profesionais sanitarios concentráronse este mércores ás portas dos hospitais Montecelo e Provincial na primeira das dúas xornadas de folga convocadas polos dous sindicatos médicos galegos.
Como no resto de convocatorias de similares características que se realizan noutras comunidades autonónomas, saen á rúa e paran en defensa dun Estatuto Propio que contemple as particularidades do colectivo médico.
O último borrador, segundo SIMEGA, "mantén uns agravios intolerables respecto doutros colectivos sanitarios, e segue sen contemplar unha clasificación profesional e un modelo retributivo que recoñeza a singularidade do traballo médico e a súa responsabilidade".
Ás portas do Provincial concentráronse unha vintena de profesionais, entre eles o secretario xeral de Simega, Enrique Marra-López, que avanzou que afrontan esta nova folga "coa esperanza de que por fin teñamos un estatuto propio para médicos e facultativos".
Avanzou Marra-López que "é o noso obxectivo principal nesta folga e no que veña", en alusión á súa intención de seguir en pé de guerra ata lograr que o Ministerio de Sanidade aprobe esta norma.
As protestas levan xa meses sen éxito, pero a profesión non se desanima: "O ministerio espertou o monstro e o monstro agora xa vai seguir ata o final". De feito, avanza que "presente o ministerio o anteproxecto de lei ou non o presente, agora xa queremos un estatuto marco paramédico e facultativo, si ou si", engadiu.
A súa reivindicación principal é este estatuto, pero en Galicia os sindicatos médicos poñen tamén o acento noutras reclamacións dirixidas á Xunta de Galicia que xa protagonizaron folgas previas, como a do 26 de novembro para o desenvolvemento integral do novo modelo de atención primaria.

Tras aquela folga, alcanzaron un acordo co Sergas e pretenden que "se termine de implementar" o plan de voluntariado a partir de 31 de marzo.
Outra das súas reivindicacións é o acordo de funcionamento das urxencias hospitalarias no tocante á xornada, retribucións e condicións de traballo, e o desenvolvemento do Regulamento para módulos compensatorios de gardas, incluíndo menores de 55 anos exentos por razóns de saúde.
Esta demanda xa protagonizou unha folga en 2023, pois o actual Regulamento data do ano 2007 e non se actualizou, "está en precario".
Confían en que esa actualización sexa "pronto", pois indican que "as urxencias hospitalarias agora mesmo están a cargar con todo o peor do sistema".
Así, lembran que coa falta de médicos en atención primaria, os pacientes acoden a urxencias, coa conseguinte sobrecarga, en especial, agora no inverno cos episodios de patoloxías respiratorias."
Lamenta Marra-López que "os servizos están sobresaturados e sempre nos piden un esforzo máis" e avisa: "Os médicos facémolo, pero isto non pode seguir da mesma maneira".
Esa sobrecarga recoñece que aumenta coa folga "porque as folgas sobrecargan os servizos de urxencias", pero entenden que parar é "a única maneira que temos de conseguir cousas".