Promoción Económica retoma o seu plan para mellorar a competitividade das pemes turísticas

Pontevedra
10 de febreiro 2021

O Plan Reinicia Turismo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica coa colaboración da plataforma #PonteLovers e Albur Atlántico, comezará as súas mentorías a finais de mes

Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica / Mónica Patxot

A Concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra ​retomará a finais de mes o Plan Reinicia Turismo, un proxecto impulsado a través da plataforma #PonteLovers en colaboración coa firma Albur Atlántico SL co obxectivo de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas (pemes) turísticas de Pontevedra.

A iniciativa, que desenvolverá mentorías online de carácter semanal e que incluirá sesións de networking activas entre as diferentes empresas participantes para tratar cada temática, centrarase en revitalizar a actividade económica destas firmas no contexto da Covid-19.

Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, nesta nova quenda de formación e actividade mentorizada poderán participar as 25 empresas xa incorporadas á primeira fase do Plan, ademais de todas aquelas vencelladas ao sector do turismo que o desexen, tendo de prazo para inscribirse ata o 17 de febreiro.

Para apuntarse é necesario contactar con Albur Atlántico Consultores a través da dirección de email [email protected] ou do teléfono 986 198 900.

Unha vez pechado o proceso de incorporación, procederase a comunicar os días e horarios definitivos, buscando a maior adaptabilidade posible e favorecendo a conciliación.

Entre as pemes que xa participan no proxecto atópanse axencias de viaxes e turoperadores, guías turísticos, aloxamentos, restauración, bares e cafeterías, actividades turísticas complementarias, transporte, información e centros de visitantes, establecementos de produtos turísticos e souvenirs, entre outros. As mentorías serán impartidas por un equipo de profesionais especializados, maioritariamente locais.

"É necesario fomentar a competitividade e sostibilidade das pemes turísticas, que conforman un dos sectores económicos máis castigados por esta pandemia -asegura Yoya Blanco-, coñecendo directamente as súas necesidades inmediatas e achegando una resposta útil e adaptada e axudándoas a reinventarse".

Segundo indicou a edil socialista, o Plan Reinicia Turismo xa permitiu coñecer "os puntos fortes e establecer unha orde de prioridades da problemática que padece cada firma, ademais de prover diferentes ferramentas para a súa solución".

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica, trala finalización da primeira fase do proxecto, "gran parte dos participantes amosaron un elevado índice de esgotamento, incerteza e inquedanza e subliñaron a necesidade de reinvención e dixitalización dos seus negocios a través das novas tecnoloxías".