Propoñen construir o 'skate-park' no Campus ante as dificultades do proxecto de Domingo Fontán

Pontevedra
22 de febreiro 2014

O Concello de Pontevedra presentou ante a Xefatura Provincial de Costas o deseño dun skate park "desmontable" nos terreos situados a beiras do río Lérez na rúa Domingo Fontán. Non obstante recean polas condicións que poida impoñer o Ministerio de Fomento, xa que esta parcela se sitúa ao lado da Autoestrada AP-9

Protesta para solicitar unha pista de skate en Pontevedra
Protesta para solicitar unha pista de skate en Pontevedra / PontevedraViva

No último pleno municipal o grupo de goberno do Concello de Pontevedra confirmou que xa presentou ante a Xefatura Provincial de Costas o deseño dun "skate park" nos terreos situados a beiras do río Lérez na rúa Domingo Fontán.

Trátase dun anteproxecto que terá que se autorizado por Costas xa que ocupa uns terreos de dominio público marítimo terrestre.

Non obstante o propio concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, trasladou o seu receo en canto ás condicións que poida impoñer o Ministerio de Fomento, xa que esta parcela de máis de 6.000 metros cadrados se sitúa ao lado da Autoestrada AP-9.

ÿ o mesmo problema que encontrou no seu día a anterior concelleira de Deportes e actual responsable de Cultura, Anxos Riveiro, cando plantexou construír unha pista de skate en Mollabao. Un proxecto que chegou a ser adxudicado á empresa Zut ata que a Fomento paralizou todos os plans.

Adiantándose a esta posibilidade o colectivo de skaters xa suxire outra alternativa: algunha das esplanadas baleiras do campus. E advirten doutra circunstancia, deberá ser de cemento, o que choca con outra das condicións de Costas para a parcela da ponte das Correntes, que esixe elementos desmontables.