Propoñen converter a antiga sede do Liceo Mutante nun centro de maiores

Pontevedra
16 de decembro 2025

O servizo municipal de urbanismo puxo trabas a esta intervención, que propón rehabilitar o inmoble, porque aumentaría a edificabilidade. Os promotores terán que readaptar o proxecto

Actividade do Liceo Mutante
Actividade do Liceo Mutante / Liceo Mutante Facebook

Máis de tres anos despois de que o Liceo Mutante se vira obrigado a abandonar a súa sede na rúa Rosalía de Castro, unha promotora estuda darlle un novo uso a todo ese espazo.

A intención dos interesados é converter o que, no seu día, foi o edificio cultural de Salcedo nun centro de maiores. Así aparece rexistrado na consulta urbanística que Promociones Riapon presentou ante o Concello de Pontevedra.

Os promotores preguntaron aos técnicos de urbanismo sobre a viabilidade no cambio de uso da edificación existente para rehabilitalo para ese centro de maiores.

Na proposta, aínda que afirman que manterían o volume actual do edificio, procedendo ao baleirado interior e á modificación da súa distribución, inclúen unha actuación que, a xuízo dos técnicos municipais, impiden darlles licenza.

E é que, como explicou o edil responsable da área de urbanismo, Alberto Oubiña, o edificio está "disconforme" co plan vixente, polo que calquera actuación nel "non pode agravar a situación ou empeorar as condicións polas que está fóra de ordenación".

É dicir, pódense determinar novos usos ou ocupar o edificio con outras actividades, pero "en ningún caso" modificar o inmoble para, por exemplo, ampliar a súa edificabilidade.

Esa é, precisamente, a proposta que fan os promotores deste proxecto.

Oubiña apuntou que o edificio actual ten un forxado polo medio para unha segunda altura pero, nestes momentos, "non cubre toda a base da planta alta", xa que ten unha zona "desde a que podes observar ou que está acontecendo na parte de abaixo".

"Entendo que no seu momento isto era porque era unha pista de baile e desde arriba o que podían facer era mirar aos que estaba bailando", subliñou o edil.

Para este hipotético centro de maiores, os seus responsables propuñan cubrir por completo esa prata alta e habilitar as dúas alturas, algo que "non sería admisible" porque estarían a modificar o forxado o inmoble e ampliando os seus metros cadrados útiles.

Ademais, a técnica municipal que firma o informe inclúe outras dúas cuestións "menores", segundo o concelleiro do BNG, que non se xustifica o acceso e o aparcadoiro de vehículos e que, en todo caso, as obras deberían respectar o artigo 63 do plan básico autonómico.

Desde o goberno municipal considera que isto non é un "peche definitivo" a que se recupere ese espazo, pero se os promotores queren seguir adiante con esta actuación terán que presentar un novo proxecto que respecte todos estes condicionantes.