Propoñen estender a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas ata o 15 de outubro

Bueu
27 de abril 2020

É unha proposta da Xunta que aínda ten que ser aprobada polo Goberno central e da que foron informadas, nunha reunión por videoconferencia, as empresas navieiras que cobren as visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, formado polos arquipélagos de Ons, Cortegada, Sálvora e Cíes

Illa de Ons
Illa de Ons

As empresas navieiras que cobren as visitas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, formado polos arquipélagos de Ons, Cortegada, Sálvora e Cíes, albiscan un escenario difícil de cara ao comezo da tempada alta de visitas que estaba fixado, previo á pandemia do coronavirus, para o 15 de maio.

Ante a incerteza de como van evolucionar os prazos do estado de alarma e as medidas de seguridade que se deban adoptar unha vez se retomen as visitas ás Illas Atlánticas, as empresas de transporte regular de visitantes veñen de reunirse, a petición propia, cos  conselleiros de Medio Ambiente e Turismo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron este encontro por videoconferencia e expuxeron aos representantes das navieiras a idea da Xunta de prolongar ata o 15 de outubro a tempada alta de visitas ás Illas Atlánticas.

A tempada de acceso ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ven regulamentada no Plan Reitor de Uso e Xestión deste espazo protexido, no que se establece que a tempada alta coincide co período transcorrido dende o 15 de maio ata o 15 de setembro, ambos incluídos, así como a Semana Santa.

Neste caso, a proposta consiste en estender un mes respecto ao período fixado. Deste xeito, permitiría unha recuperación parcial de ingresos e actividade para estas empresas do sector turístico, o que tamén implicaría beneficios para todo o sector que opera nestas áreas da franxa costeira galega. O tema porase en comunicación do Goberno central aos efectos de que, se o estima, se pronuncie de xeito favorable ou desfavorable, dado que se trata dun espazo natural que goza da categoría de Parque Nacional.

En calquera caso, a ampliación virá determinada polo proceso de desescalada que fixe o Goberno do Estado, en función dos sectores que estableza que poden ir recuperando a súa actividade dun xeito progresivo.