Ademais de celebrarse san Valentín, o Día dos Namorados, este 14 de febreiro conmemorouse o Día Europeo da Saúde Sexual e con tal ocasión a Sociedade Galega de Sexoloxía (Sogasex) organizou este venres na Casa das Campás a xornada monográfica Educación Sexual Integral.
Neste marco difundíronse os resultados dunha enquisa escolar dirixida a familias sobre educación sexual.
Entre os datos máis significativos esta enquisa revela que oito de cada dez familias galegas consideran que debe impartirse educación sexual nas aulas en todas as etapas educativas e recoñecen que o primeiro contacto dos menores coa sexualidade é a través de contido pornográfico.
De modo que internet, as redes sociais, son actualmente as "mestras" dos menores nesta materia.
Un 69% das familias galegas que parciparon nesta enquisa afirman que recibiron a súa educación sexual a través das súas amizades.
Un 5% das familias recoñece non falar nunca de sexualidade en casa e un 41% afirma que o fai poucas veces.
Con todo neste estudo os enquisados coinciden maioritariamente en que para impartir educación sexual confían primeiro na familia e despois no profesorado, aínda que sinalan que non o ven moi formado.
Neste sentido, o 77% das persoas consultadas móstranse dispostas a participar nalgún taller organizado polo centro de ensino para saber como educar en sexualidade aos seus fillos.
Pero que información débese dar aos menores? Os enquisados seguen centrándose nos riscos das relacións sexuais e desvinculan esa educación da esfera afectiva ou das identidades sexuais.
Sogasex explica que neste cuestionario, o primeiro que se fai en Galicia sobre este tema, foi unha sondaxe anónima dirixido a nais, pais ou persoas titoras do alumnado. Responderon 977 persoas (87% mulleres) de distintos centros educativos da comunidade entre abril e xuño do 2024.

Entre outros expertos, nesta xornada participaron a presidenta de SOGASEX, Purificación Leal, ademáis de Luísa Fernanda Arís e Lola Varela, membros tamén dá mesma Sociedade e responsables dá realización dá enquisa e do estudo posterior.