Tentar gravar un incendio para vista de dron pódelle saír caro a un piloto destes aparellos de radiocontrol.
Sucedeu en Poio, o pasado 27 de maio, e é que segundo informa a Policía Local de Poio a interferencia dun dron dificultou as tarefas de extinción dun incendio forestal declarado na zona de Boavista, na Caeira.
Por iso o piloto, que foi localizado posteriormente polos axentes da policía municipal, foi proposto para unha sanción que pode ir dos 60 ata os 225.000 euros, tendo en conta que debido á súa presenza o helicóptero de extinción de incendios que colaboraba no dispositivo activado tivo que afastarse do lugar sen poder actuar por risco de colisión.
O lume terminou sendo controlado polos axentes forestais despois de calcinar ao redor de 3.000 metros cadrados de superficie, principalmente poboada de eucaliptos e fentos.
Foi a Garda Civil, que conta cun equipo especializado no tráfico aéreo denominado Pegaso, a que solicitou colaboración á Policía Local para dar coa persoa que manexaba o dron e que non puido ser localizada nun primeiro instante.
O piloto contaba con certificado de piloto a distancia e seguro de responsabilidade civil, tratándose dun operador experimentado que debería ter coñecemento da prohibición de sobrevoar o incendio forestal.
Os feitos foron comunicados para a elaboración da correspondente acta á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e ao Director de Extinción de incendios da Xunta de Galicía, ademais da o propio equipo Pegaso da Garda Civil.