Propoñen que Linorsa non poida traballar para o Concello durante dous anos

Pontevedra
31 de maio 2016

A Linorsa estáselle complicando o seu futuro en Pontevedra, debido aos seus incumprimentos de contrato. O Instituto Municipal de Deportes (IMD) acordou resolver definitivamente o contrato de limpeza do pavillón multiusos da Xunqueira asinado coa empresa. Ademáis, solicitarase á Xunta de Goberno municipal que se lle prohíba prestar servizos en Pontevedra durante dous anos

Protesta das traballadoras de Linorsa na Delegación de Sanidade Mónica Patxot

A Linorsa estáselle complicando o seu futuro en Pontevedra, debido aos seus incumprimentos de contrato. O Instituto Municipal de Deportes (IMD) acordou resolver definitivamente o contrato de limpeza do pavillón multiusos da Xunqueira asinado coa empresa.

A rescisión, un trámite iniciado hai unhas semanas, prodúcese segundo a resolución do IMD por non estar ao corrente no pagamento das débedas e cotas coa Seguridade Social, unha das obrigas do seu contrato co Concello de Pontevedra.

A decisión inclúe incautar a garantía definitiva deste contrato dado que a resolución é por causa imputable ao contratista. Dita garantía é de 4.212,36 euros.

O órgano de goberno do IMD aprobou tamén que, cando sexa definitiva a resolución do contrato, se inicie un expediente no que se prohiba a Linorsa contratar co organismo ningún tipo de servizo no prazo de dous anos.

Ademais, esta prohibición podería estenderse a todo o Concello de Pontevedra. O IMD solicitará que este mesmo trámite se aprobe na Xunta de Goberno, polo que a empresa non podería traballar para ningún organismo público municipal.