Propoñen recuperar a xestión pública dos parques provinciais de bombeiros

Pontevedra
12 de xaneiro 2016

Os presidentes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo propoñen á Xunta de Galicia estudar a xestión directa dos parques de bombeiros e ampliar a cobertura do mapa de emerxencias

Reunión dos catro presidentes provinciais co vicepresidente da Xunta de Galicia
Reunión dos catro presidentes provinciais co vicepresidente da Xunta de Galicia /

"Consideramos que todo o que ten que ver co Consorcio de Incendios e de Salvamento é unha cuestión de interese xeral, así como un servizo público básico". Con ese argumento, verbalizado por Carmela Silva, os presidentes das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo propuxeron á Xunta de Galicia recuperar a xestión pública dos parques de bombeiros.

Así o expuxeron nunha reunión coa Xunta de Galicia, con quen comparte a responsabilidade do servizo, á que tamén acudiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

A idea é estudar a posibilidade de volver á xestión directa dos parques comarcais de bombeiros e ampliar o mapa de emerxencias para lograr un 100% de cobertura.

"É certo que nos atopamos nunha situación na que se está prestando ese servizo a través da xestión indirecta e, aínda que todos valoramos que é positivo, tamén cremos que é mellorable", explicou Silva tras a reunión.

Pola súa banda a Xunta de Galicia comprometeuse a valorar a proposta e fixa un mes de prazo para estudar a viabilidade dun cambio de sistema, tempo no que se realizarán estudos xurídicos e económicos e do que supoñería para os traballadores dos parques comarcais.

En relación á demanda de ampliar o mapa de emerxencias, sobre a mesa expuxéronse reclamacións de municipios como O Grove, que non forma parte do convenio dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), ou a petición de crear unha base de emerxencias, dependente á de Silleda, que dea servizo a Cotobade, Cercedo, A Lama ou Campo Lameiro.