Dorrón deu os seus primeiros pasos para converterse na primeira parroquia do municipio de Sanxenxo en acoller un dos composteiros comunitarios que o Concello solicitará á Deputación de Pontevedra, a través do seu plan de compostaxe provincial.
Ao redor dunha trintena de persoas asistiron á charla impartida en Dorrón. Alí, tras o interese mostrado polos veciños, a concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba propuxo a localización dun destes recipientes nunha parcela de propiedade municipal situada xunto ao colexio de Dorrón.
Esta posible localización propiciou mesmo, segundo o goberno municipal, que un profesor dun centro escolar do municipio expuxese tamén a posibilidade de desenvolver un programa escolar de reciclaxe que permitise a colaboración dos alumnos con esta iniciativa, algo que se estudará desde esta concellería.
Coral González-Haba, xunto á técnica municipal de Medio Ambiente, Cristina Morañas, que a acompañou na charla, explicou aos asistentes que a localización elixida facilitaría aos pais dos alumnos depositar os residuos orgánicos cando achegan aos seus fillos ao colexio, un factor que pode contribuír á súa utilización.
E é que a edil socialista explicou aos veciños que un dos requisitos que o Concello debe cumprir para optar a estes composteiros comunitarios é contar co compromiso de 60 veciños para o seu uso. Deberán referendar coa súa firma a súa intención de depositar os seus residuos orgánicos no composteiro.
A proposta agradou aos veciños polo que a Concellería de Medio Ambiente ten previsto convocar unha próxima reunión en Dorrón onde se poida avanzar para concretar os detalles da localización e uso deste composteiro.
Dorrón non é a única parroquia na que o Concello de Sanxenxo ten intención de colocar un composteiro comunitario, polo que nas próximas semanas convocará unha reunión similar á celebrada en Dorrón en Portonovo, buscando a complicidade dos veciños para facer viable este proxecto provincial.