Proposta dos consorcios provinciais para frear a folga dos bombeiros: suba salarial nun 10% e aumento de efectivos

Pontevedra
05 de decembro 2023

Representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos mantiveron un encontro onde se trasladou a proposta á parte social dese incremento salarial, redución da xornada a 1.642 horas anuais, dúas xornadas adicionais de asuntos propios e máis efectivos nos 24 parques comarcais de Galicia. Os bombeiros permanecen en folga desde o 15 de xuño

Bombeiros comarcais no pleno da Deputación de Pontevedra Mónica Patxot

Este martes 5 o Consello Galego de Relacións Laborais acollía o encontro de representantes da Xunta de Galicia e das catro deputacións provinciais, das que dependen os consorcios de bombeiros comarcais contraincendios, coa representación sindical deste colectivo que se mantén en folga desde o 15 de xuño reclamando diferentes melloras laborais e económicas.

Desde a administración presentouse unha proposta na que figura un incremento salarial do 10%; unha redución da xornada laboral a 1.642 horas anuais; aumento de efectivos nos 24 comarcais de Galicia e dúas xornadas adicionais de asuntos particulares por un total de 24 horas, que equivalerían a seis días de asuntos propios.

Segundo a Deputación de Pontevedra trátase dunha mellora "considerable" das condicións actuais deste sector ao producirse unha equiparación salarial nas catro provincias ás que se suman as melloras en canto á situación laboral.

Pola súa banda, os representantes dos 439 traballadores dos parques galegos comprometéronse a analizar a proposta en próximas asembleas.

Ambas as partes teñen intención de manter a vía de diálogo con novos encontros en próximas datas co obxectivo de alcanzar un acordo que conclúa co conflito laboral que se exterioriza nos últimos meses e que desencadeou protestas ante as deputacións das catro provincias e unha gran manifestación en Santiago de Compostela.