Propostas educativas de León, Madrid, Málaga, Asturias, Alacante e Murcia daranse cita no Museo

Pontevedra
04 de maio 2025

A Deputación organiza a cuarta edición das Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra os días 29 e 30 de maio. Amplían ata o 12 de maio o prazo de envío de propostas de comunicacións

Xornadas de Educación no Museo | ARQUIVO
Xornadas de Educación no Museo | ARQUIVO / Deputación de Pontevedra

A cuarta edición das Xornadas de Educación do Museo de Pontevedra reunirán na cidade propostas educativas de León, Madrid, Málaga, Asturias, Alacante, Murcia e Galicia.

A cita reunirá os próximos 29 e 30 de maio a museos, universidades, colectivos e asociacións culturais.

As xornadas levan por título 'Museos e comunidade: xerando sinerxías' e o programa inclúe dúas conferencias de Luis Grau, director do Museo de  León e referente da museoloxía en España, e Rosa María Hervás, coordinadora de investigación do Comité para a Educación e a Acción Cultural de ICOM Internacional e profesora da Universidade de Murcia.

Haberá tres mesas redondas, seguidas de cadanseu coloquio. A do xoves pola tarde, centrada no papel dos museos, contará coa participación de Ana Moreno, do Museo do Prado; Encarna Lago, da Rede Museística Provincial de Lugo; e Gema Sala, do Museo Arqueolóxico de Alacante.

O venres pola mañá, Begoña Paz, da Universidade de Vigo; Beatriz Martíns e Yolanda Riquelme de La Liminal (Madrid) e Andrea Rubio de LAINOPIA (Asturias) falarán de experiencias educativas de colaboración.

O venres á tarde, na mesa redonda sobre 'Axentes culturais: novos retos nunha sociedade en cambio', intervirán David Burbano e Roy Laguna, de La Casa Amarilla (Málaga), Ana Barreiro e África Martínez, de Taller Abierto (Pontevedra) e Alba Cacheda, da Asociación de Mediadoras Culturales de Madrid.

As xornadas están abertas á participación, mediante o formato de comunicación, de investigadoras e investigadores, profesionais do sector e estudantes de disciplinas relacionadas.

O prazo para presentación das comunicacións acaba de ampliarse ata o 12 de maio, mediante o envío dun resumo e un breve currículo a través do correo electrónico [email protected]

Esta edición pecharase cun concerto a cargo do Coro Infantil e Xuvenil Luis García Limeses, acompañado de Dana Rey (violín), Elsa Pidre (violonchelo) e Isabel Pérez (pandeireta).