Continúan as tensións no seo da Xunta de Persoal dos hospitais de Pontevedra. O último enfrontamento rexistrouse este mesmo martes ante a escasa asistencia de traballadores ás asembleas convocadas nas quendas de mañá e de tarde en Montecelo e no Provincial para tratar o tema da negociación do proceso de mobilidade interna dos traballadores non facultativos dos centros hospitalarios da área norte de Pontevedra.
A portavoz de Prosagal, Carolina Iñarrea, emitiu un comunicado lamentando a "insuficiente publicidade" que se lle deu a estas convocatorias e denuncia que se incumpriu o acordo adoptado polas organizacións sindicais porque non se emitiu un comunicado oficial por parte da presidenta, Carmen Revenga, e polo secretario, Xermán Rouco.
Desde Prosagal indícase que se colocaron poucos pasquíns anunciando estas asembleas e sinalan que só esta organización se dedicou a anunciar a cita deste martes.
Para Carolina Iñarrea é moi grave e alarmante que tanto a presidenta como o secretario do órgano representativo dos traballadores dos hospitais non acudisen a estes encontros nin escusasen a súa ausencia. Desde Prosagal consideran esta actitude "lamentable e vergoñosa".
Hai que lembrar que Carolina Iñarrea cesou como presidenta da Xunta de Persoal en abril deste ano despois de que o resto de sindicatos deste organismo presentase unha moción de censura. Na rolda de prensa da pasada semana na que anunciaron a convocatoria das asembleas deste martes voveron quedar patentes as discrepancias entre os integrantes das distintas formacións do órgano encargado da defensa dos traballadores dos hospitais de Pontevedra.