O colectivo de traballadores dos hospitais de Pontevedra, Prosagal, decidiu pasar á acción convocando concentracións este martes reclamando a reapertura das unidades pechadas durante os meses de verán.
A agrupación que preside Carolina Iñarrae sinala que os traballadores afectados polo peche, que se prolonga ata seis meses, vense obrigados a realizar substitucións en días soltos por distintas unidades e o persoal eventual continuará con condicións laborais precarias ou sen traballo. Ademais, afirman que os usuarios seguen sen poder contar coa totalidade das prestacións sanitarias do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Insisten en que cada día hai máis de 50 enfermos periféricos entre os dous hospitais e en que se producen saturacións en servizos tan importantes como Urxencias ou Reanimación. Por este motivo, non entenden por que o xerente mantén o bloqueo das camas das unidades pechadas.
Reclaman a apertura das camas de pneumoloxía e de medicina interna 3 na data prometida pola administración, que era o 1 de outubro.
Para presionar, Prosagal convocou a traballadores, sindicatos e á cidadanía a unha concentración de 20 minutos este martes 3 ás 11.00 horas na entrada do Hospital Provincial e ás 12.00 horas en Montecelo.