Efectivos de Protección Civil de Ribadumia participaron na tarde de onte, mércores 2 de xullo, na retirada dunha árbore caída na estrada VG 4.2, unha vía de comunicación da comarca do Salnés que une os municipios de Ribadumia e Cambados e que soporta un notable tránsito de vehículos diariamente.
O incidente, causado polos fortes refachos de vento do nordés que azoutaban na zona, provocou o desprendemento da copa da árbore sobre un dos carrís da estrada, xerando un potencial perigo para a circulación.
A caída non causou danos persoais nin materiais en vehículos.
Para garantir a seguridade dos usuarios da vía durante os traballos de retirada, estableceuse un dispositivo de seguridade no que participaron, ademais dos efectivos de Protección Civil de Ribadumia, axentes da Policía Local de Cambados, membros da Garda Civil de Tráfico e persoal do servizo de Conservación de Estradas da Xunta de Galicia.
Os equipos de emerxencia instalaron conos de sinalización para regular o tráfico, o que permitiu manter a circulación aberta durante os traballos, evitando así o corte total da estrada.
A rápida intervención dos servizos de emerxencia permitiu restablecer a normalidade na circulación.

