Protesta da CIG para reclamar medidas de protección social xustas

Pontevedra
10 de abril 2020

Baixo a consigna #QueEscoiten, representantes da central nacionalista e seguidores realizaron unha cazolada ás 12.00 horas deste venres 10 de abril. Diante do Hospital do Salnés, os profesionais do servizo de ambulancias fixeron soar as súas bucinash4>

Protesta da CIG para reclamar medidas sociais para a clase traballadora / CIG

#QueEscoiten e #QueNonConfinenOsTeusDereitos, con estas consignas representantes do sindicato CIG e seguidores saían ás 12.00 horas deste venres 10 aos balcóns e xanelas das vivendas para protestar cunha cazolada e reclamar aos gobernos que escoiten as demandas da clase traballadora.

O secretario  xeral da CIG, Paulo Carril, indica que é necesario realizar políticas públicas e concentrar todos os recursos en favor das maiorías sociais con financiamento que non parta dos propios traballadores.

Profesionais do sector das ambulancias sanitarias tamén fixeron soar as súas sirenas ante o Hospital do Salnés sumándose a esta protesta e mostrando tamén o seu malestar polas máscaras "de papel" que, segundo o sindicalista Xabier Aboi, recibiron para atender servizos de pacientes con COVID-19. Precisamente, o sindicato convocante pide un reforzo das medidas de prevención para garantir a saúde do persoal que continúa as súas actividades durante o estado de alarma

Segundo a CIG, entre a cidadanía detéctase o enfado pola xestión "caótica e insuficiente" da crise sanitaria, que tamén é social e económica. Por este motivo, reclaman medidas de protección social sen que se rexistren discriminacións entre os colectivos e con garantías de que as familias teñan ingresos suficientes e que cobrarán as súas prestacións a tempo. 

Desde a central nacionalista demandan que se obrigue ás grandes eléctricas, á banca, ás compañías de telecomunicacións e ás empresas potentes a exonerar ás familias do pago de hipotecas, alugueres e dos recibos para facilitar o confinamento ás familias. 

Reclaman ao goberno central que consiga financiamento público, vía impositiva ás grandes fortunas ou a través da intervención pública de sectores estratéxicos da economía que se atopan en mans privadas.