Protesta en Pontevedra: "Máis da metade de pensionistas chega con dificultades a fin de mes"

Pontevedra
28 de xaneiro 2025
Actualizado: 15:04

A Praza da Peregrina acolleu unha mobilización convocada polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG, que demandou a revalorización das pensións ante a alarmante precariedade que sofren

Mobilización do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG en Pontevedra Mónica Patxot

Este martes 28 de xaneiro, a Praza da Peregrina en Pontevedra acolleu unha numerosa protesta de pensionistas.

Convocados polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG, reclamaron a inmediata revalorización das pensións públicas.

A mobilización, que se repetirá semanalmente mentres non se logre un acordo satisfactorio, busca visibilizar a precariedade que sufren moitos pensionistas debido á falta de actualización das súas prestacións.

Xose Lois Portabales, responsable do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas de CIG Pontevedra, subliñou a gravidade da situación: "O motivo da concentración é polo que pasou outro día nos Congresos Diputados, que votaron en contra da subida das pensións".

Marcos Conde, secretario comarcal CIG Pontevedra, e Xose Lois Portabales, responsable do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas Mónica Patxot

Engade Portabales que "xa levamos así uns anos, porque o normal é que nos subiran un IPC real e nos suben o medio, polo que perdemos poder adquisitivo, e agora, por riba, aínda nos botan abaixo a subida das pensións".

O responsable do colectivo critica a falta de consenso entre os partidos políticos en temas que afectan directamente aos pensionistas, sinalando que "para unha cousa non están de acordo (suba das pensións), en cambio, para outras como a xubilación anticipada, votaron todos a favor".

Mobilización do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG en PontevedraMónica Patxot

Os manifestantes destacaron que a actual situación está a afectar gravemente a moitas persoas que dependen das súas pensións para sobrevivir. "A un pensionista afecta en que o salario e a vida suben e, en cambio, as pensións non suben", advertiu Portabales, quen afirmou que "máis da metade dos pensionistas vive con dificultades para chegar a fin de mes".

Ao berro de "Non somos moeda de cambio", a mobilización deste martes 28 non só reuniu a pensionistas, senón que contou co apoio de diversas persoas que se solidarizan coa causa.

"Hoxe hai algunha máis xente do habitual que apoia, non só xubilados", destacou Portabales, quen anunciou que as protestas se manterán todas as semanas nas sete cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Vigo) e na localidade coruñesa das Pontes ata que se atope unha solución.

Mobilización do Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG en PontevedraMónica Patxot

"Vamos estar todos os martes mentres non cheguen a un acordo", sentenciou Portabales, invitando a toda a cidadanía a unirse a esta loita por un futuro máis digno para os pensionistas.

O sindicato CIG denunca que, mentres se rexeitan as subas das pensións, "o diálogo social segue vendendo os nosos dereitos", e esixe que a pensión mínima sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para poder "vivir con dignidade e sen penurias".

A situación actual, onde a pensión media en Galicia sitúase case 15 puntos por debaixo da media estatal, é unha clara mostra para o sindicato da necesidade de actuar con urxencia.