A oficina principal de Correos de Vilagarcía de Arousa foi escenario este luns dunha concentración convocada por CCOO para denunciar a situación que, segundo o sindicato, atravesa o servizo de atención ao público debido á redución de persoal durante o período estival.
A protesta, celebrada fronte ás instalacións da Rúa do Río, serviu para visibilizar o malestar do persoal ante unha situación que consideran cada vez máis insosteible.
CCOO asegura que a oficina pasou de contar con seis traballadores na quenda de mañá a dispor unicamente de tres, unha redución que, ao seu xuízo, está a repercutir directamente na calidade do servizo que reciben os usuarios.
O sindicato sostén que esta falta de efectivos provoca esperas que roldan a media hora e longas colas nas horas de maior afluencia, unha situación que se repite cada verán e que atribúe á decisión da empresa de non cubrir baixas, vacacións e outras ausencias temporais.
Segundo a organización sindical, a escaseza de persoal obriga mesmo á directora da oficina e á xefa de equipo a abandonar parte das súas funcións de xestión para atender ao público nos mostradores, co fin de evitar un maior colapso do servizo.
CCOO considera que esta situación non responde a un problema puntual, senón a unha política continuada de redución de persoal. Neste sentido, critica que, mentres diminúen os recursos humanos destinados á atención postal, a empresa manteña a presión sobre os traballadores para cumprir obxectivos comerciais, entre eles a venda de seguros e outros produtos alleos á actividade tradicional de Correos.
A central sindical tamén denuncia a sobrecarga de traballo que soporta o persoal, a falta de cobertura das ausencias, a temporalidade, a parcialidad nas contratacións e as escasas oportunidades de promoción profesional, factores que, asegura, contribúen á deterioración das condicións laborais e do servizo público.