O servizo de axuda no fogar de Vilagarcía atendeu a 130 persoas dependentes

O Salnés
29 de xuño 2026

Do total, 109 corresponderon á modalidade de dependencia e 21 a libre concorrencia. A maioría das persoas atendidas, como é habitual, foron mulleres (106), fronte a 24 homes

Persona maior
Persona maior / Antía Quinteiro García

O Concello de Vilagarcía atendeu o pasado ano a un total de 130 persoas dependentes a través do servizo de axuda no fogar (SAF).

Do total de usuarios, 109 corresponderon á modalidade de dependencia e 21 a libre concorrencia, destinada a persoas sen valoración oficial ou con necesidades puntuais. Como é habitual, a maioría das beneficiarias foron mulleres (106), fronte a 24 homes.

O servizo traduciuse en 55.774 horas de atención a domicilio, cubrindo desde coidados persoais básicos até apoio en tarefas domésticas ou acompañamento a xestións e citas médicas.

Dese total, 45.101 horas realizáronse en xornadas extraordinarias, é dicir, en domingos e festivos, para atender a persoas que requiren asistencia diaria.

Para iso, o persoal percorreu 114.154 quilómetros ao longo do ano, o que supón unha media diaria de 152 horas de servizo e 312 quilómetros. O equipo estivo formado por 62 auxiliares, 36 a tempo completo e 26 a tempo parcial.

Ademais das atencións ordinarias, o SAF inclúe servizos complementarios gratuítos de fisioterapia e podoloxía, que contribúen a mellorar a calidade de vida e a autonomía dos usuarios. En 2025, 155 persoas beneficiáronse do servizo de fisioterapia e 48 do de podoloxía.

A ampliación destes servizos foi unha das melloras introducidas tras a renovación do contrato do SAF en xuño de 2025, cando Serveo Social asumiu a xestión en substitución de Aralia Servizos Sociosanitarios.

O novo contrato tamén supuxo a actualización dos custos por hora, sendo de 23,44 euros en días laborables e 27,27 en domingos e festivos.

Tamén se incorporaron novos medios materiais, como guindastres de mobilización, camas articuladas ou andadores, que facilitan o traballo das auxiliares e melloran a atención aos usuarios.

O Servizo de Axuda no Fogar é a prestación de maior custo dentro do Plan Concertado de Servizos Sociais. O pasado ano destináronse a este programa 1,23 millóns de euros dun orzamento total de 3,5 millóns.

Desa cantidade, o Concello achegou 478.887 euros, fronte aos 637.086 financiados conxuntamente pola Xunta e o Estado, o que supón un importante esforzo económico para as arcas municipais.

Co obxectivo de reforzar a atención social, o goberno local incrementou en 2026 nun 24% os fondos destinados á área de Benestar Social, á vez que continúa reclamando unha maior implicación das administracións superiores para garantir a cobertura da crecente demanda.