Protestas da CIG contra o acordo que prorroga os ERTE ao entender que as condicións prexudican a clase traballadora

Pontevedra
15 de xullo 2020

Delegados sindicais da central nacionalista se concentraban ás 11.00 horas destte mércores na Subdelegación do Goberno ao igual que nas outras seis grandes cidades galegas. Marcos Conde, secretario comarcal, cre que este acordo entre o Goberno, a patronal, CC.OO. e UGT é un roubo e unha traizón ao conxunto dos traballadores

Concentración de delegados sindicais da CIG contra o acordo estatal que prorroga os ERTE
Concentración de delegados sindicais da CIG contra o acordo estatal que prorroga os ERTE / Mónica Patxot

Representantes e delegados sindicais da CIG concentrábanse este mércores ás 11.00 horas ante a Subdelegación do Goberno de Pontevedra como medida de protesta ante o acordo que prorroga os ERTE e que segundo a central nacionalista non ofrece garantías de ingresos nin continuidade dos empregos.

Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, cualificaba este acordo asinado polo Goberno, a patronal e os sindicatos estatais de CC.OO. e UXT como un "roubo e unha traizón á clase  traballadora". Sinala neste sentido que o Goberno de Pedro Sánchez ofrece garantías para a patronal e non para o persoal. Ademais, lamenta o apoio dos sindicatos Comisións Obreiras e UXT a esta prórroga porque supón un enorme prexuízo ao conxunto dos traballadores.

Desde o sindicato nacionalista sinalan que é unha traizón que estes sindicatos contribúan con estes acordos marcados por políticas neoliberais nun momento económico e social moi duro. Marcos Conde pide o fin a este diálogo social e demanda, unha vez máis, a derrogación da reforma laboral do PP que permanece vixente.

Segundo relatan desde a CIG, que mantiña tamén en concentracións nas outras seis principais cidades de Galicia, o novo acordo incide na desprotección e na falta de solucións para todos os traballadores temporais que foron despedidos desde o 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma.