Este martes 28 de abril conmemórase o Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral. Por este motivo, a CIG desenvolveu diversas protestas simbólicas ante centros de traballo para denunciar a falta de medidas de protección e alertar sobre a situación de risco en que se atopan traballadores de numerosas empresas, coa agravante que supón a actual emerxencia sanitaria.
Tamén se desenvolvían accións ás portas dos edificios administrativos da Xunta por parte do sindicato nacionalista. Con estas protestas, os delegados demandan á administración que obrigue ás empresas para aplicar medidas de seguridade necesarias e que se realicen controis estritos.
En Pontevedra, varios delegados sindicais da CIG concentrábanse cunha pancarta e cumprindo o protocolo de seguridade no Polígono do Campiño. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, asegura que neste momento de desescalada, as situacións de risco e os abusos por parte da patronal están a incrementarse.
Alerta tamén de que as medidas dos gobernos desde o inicio do estado de alarma teñen unha maior e "descarada preocupación" pola economía en lugar de pola saúde da poboación ao reactivarse labores sen que existisen todas as garantías ou se corrixisen deficiencias previas. Tamén reclama garantías de saúde laboral para aquelas persoas que realizan teletraballo.
Desde a CIG anuncian que para o primeiro de maio, con motivo da celebración do Día Internacional da Clase Traballadora, pedirase á cidadanía a instalación de bandeiras de Galicia e vermellas en fiestras e balcóns, ademais de entoar a Internacional ás 12.00 horas deste venres.