A CIG concéntrase ante a Subdelegación, convencida de que o Goberno de Sánchez non vai derrogar a reforma laboral

Pontevedra
27 de maio 2020

Representantes do sindicato nacionalista concentráronse este mércores nas principais cidades galegas para esixir políticas favorables para a clase traballadora e as maiorías sociais ante a crise sanitaria, económica e social que afronta Galicia. En Pontevedra concentráronse ante a Subdelegación do Goberno e en Vilagarcía diante da sede da Seguridade Social

Concentración de representantes da CIG en Vilagarcía de Arousa
Concentración de representantes da CIG en Vilagarcía de Arousa / CIG

Representantes do sindicato CIG concentrábanse este mércores nas principais cidades de Galicia. No caso de Pontevedra, Marcos Conde, secretario comarcal da central, lideraba ao grupo de delegados que se concentraban ante a Subdelegación do Goberno, mentres que en Vilagarcía de Arousa a acción de protesta desenvolvíase diante as oficinas da Seguridade Social (INSS).

Reclaman medidas políticas que se centren na clase traballadora e nas maiorías sociais para afrontar a actual crise económica, sanitaria e social derivada da expansión da Covid-19.  As protestas desenvolvéronse durante o debate no Pleno do Congreso da Real Decreto-Lei 18/2020, que a CIG critica ao entender que é unha nova reforma laboral que permite o abuso patronal e non garante os ingresos das familias nin a recuperación do emprego.

Sinalan que, en lugar de derrogar a reforma laboral aprobada polo goberno do PP, o actual executivo de coalición, que lidera Pedro Sánchez, presenta unha versión máis agresiva e dura coa escusa de salvar ás empresas para garantir o emprego. 

Paulo Carril, secretario  xeral da CIG, afirma que este tipo de medidas son o caldo de cultivo para que a ultradereita e o fascismo poidan medrar. Neste sentido, sinala que á ultradereita non se lle combate con receitas neoliberais senón con políticas sociais.

Cualifican de "pura propaganda" as medidas do Goberno para garantir o emprego e así alegan que a "suposta prohibición de despedimentos" durante seis meses nas empresas que realizasen expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) quedou reducida á mínima expresión, xa que só se aplicará aos ERTE executados por forza maior, non aos de causas obxectivas.

Ademais denuncian que se permite a extinción de contratos temporais quedando exentas de garantir o emprego aquelas empresas en risco de concurso; e en caso de despedimento incumprindo a normativa, ese despedimento será considerada improcedente e non nulo.

Indican que, ademais, o decreto se aproba cando hai centos de traballadores que aínda non comezaron a cobrar o paro e cando continúa vixente a reforma laboral de 2012, que reduciu as contías para percibir. Desde a CIG aseguran que o Goberno español ten nula vontade de derrogar integramente a reforma do PP e sinalan que o executivo de Sánchez non deu ningún paso neste camiño