A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) organizará o próximo 11 de abril, ás 20:00 horas, a quinta edición dos Premios Mulleres FEMUPO, que terá lugar na Finca Batacos, en Pontevedra.
O evento pretende recoñecer publicamente a mulleres e entidades que destacan pola súa achega ao progreso social e á promoción da igualdade na provincia.
Co paso dos anos, estes galardóns convertéronse nun referente dentro do territorio pontevedrés para pór en valor o papel das mulleres.
As premiadas nesta edición están divididas en cinco categorías: cultura, empresa, asociacionismo, deporte e administración.
Na categoría de cultura destaca Montse Betanzos, artesá colareira do Grove, por manter viva a tradición de traballar con cunchas, unha práctica transmitida entre xeracións e representativa da cultura mariñeira galega.
No sector empresa, o galardón é para Raquel Touceda, da Estrada, un exemplo de emprendimiento feminino no ámbito rural e de innovación sostible dentro do sector agrícola.
No ámbito do asociacionismo, destaca Albor Mulleres Rurais de Valga polo seu labor constante de apoio ás mulleres do rural. Así mesmo, no deporte sobresae o equipo de veteranas do Club de Remo Vila de Cangas, o único conxunto feminino desta categoría na provincia e referente de esforzo e igualdade.
Por último, na categoría de administración recoñécese ao Centro de Información á Muller (CIM) da Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes polo seu traballo de orientación, acompañamento e defensa dos dereitos das mulleres, especialmente en zonas rurais.
O programa do evento incluirá a entrega dos premios, unha actuación musical do grupo Noite Son e un cóctel final que servirá como espazo de encontro entre institucións, organizacións sociais e persoas comprometidas coa igualdade.