Proxectan a renovación integral do parque infantil de Aguiúncho, en San Andrés de Cesar

Umia
26 de abril 2021

Para levar a cabo a actuación, o Goberno local de Caldas levará ao vindeiro pleno a súa inclusión no Inventario Municipal de Bens. O concelleiro Manuel González sinala que se trata dunha actuación moi demandada pola veciñanza que se enmarca no Plan Municipal de Desenvolvemento de parques Infantís

Parque infantil de San Andrés de César
Parque infantil de San Andrés de César / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis proxecta a mellora e renovación integral do parque infantil do núcleo rural de Aguiúncho, na parroquia de San Andrés de Cesar, unha actuación moi demandada pola cidadanía e que terá un orzamento de execución aproximado de 23.000 euros

Para poder levar a cabo esta actuación, o Goberno local levará ao próximo pleno a inclusión deste parque infantil no Inventario Municipal de Bens, para o seu debate e aprobación por parte da Corporación.

A actuación incluirase nos proxectos solicitados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e o concelleiro de Obras e delegado da parroquia de San Andrés de Cesar, Manuel González, destaca que se enmarca no Plan Municipal de Desenvolvemento de Parques Infantís.

O Concello está realizando unha serie de auditorías sobre as diferentes áreas de xogo do municipio para comprobar a súas condicións de mantemento e seguridade co obxecto de acabar actuando en todos eles. Neste caso, o Concello destaca que "a necesidade de actuar é patente debido a que se trata dun parque de importante antigüidade no que o paso do tempo foi provocando o deterioro da instalación".

Segundo informou o Concello, vaise desmontar a actual instalación e procederase á limpeza e preparación da soleira de formigón existente para a execución do novo pavimento do parque, que será de caucho continuo bicapa, específico para este tipo de áreas de xogo.

A continuación, dotarase dun novo tobogán de aluminio lacado, unha nova randeeira para dous usuarios e catro bancos.