Proxectan recuperar a imaxe "maxestosa e nobre" da Alameda do século XIX

Pontevedra
13 de xaneiro 2020

O proxecto impulsado pola concellería de Desenvolvemento Sostible iniciarase cun investimento de 18.000 euros para plantar novas árbores e corrixir a compactación e mala drenaxe do pavimento

Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural
Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural / Concello de Pontevedra

Devolver á Alameda de Sesmero a imaxe maxestosa e nobre que tiña cando foi creada, na segunda metade do século XIX, é o obxectivo que se marca o concelleiro Iván Puentes, encargado da área de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.

A primeira acción levará a cabo nas próximas semanas cun investimento de case 18.000 euros, dentro do plan deseñado polo  Servizo Municipal de Parques e  Xardíns. A proposta busca revalorizar todo o espazo coa plantación de novas árbores, a mellora da compactación e a corrección da deficiente drenaxe actual do pavimento.

Desta forma, está previsto plantar carballos do país e tileiros de folla pequena. Estas primeiras incorporacións realizaranse na zona norte, situada na parte próxima ao Cafetín e á praza de España, que actualmente é a que presenta unha maior deterioración en relación á estrutura orixinal de presenza de flora, segundo expón Iván Puentes.

O concelleiro argumenta que o exceso de  compactación e de mal drenaxe do pavimento afectou de maneira negativa ao arborado actual, que se comproba na aparición de certas patoloxías como a presenza de fungos.

A idea desde esta concellería é mellorar tamén bancos e iluminación nesta contorna. A creación da Alameda, como apunta Puentes, producíase na segunda metade do século XIX, coincidindo coa construción da maioría de edificios públicos como o Consistorio, a Deputación e a Escola Normal, obras proxectadas polo arquitecto Alejandro Sesmero, que dá nome tamén á Alameda, un recinto que foi proxectado con cinco filas de árbores centenarias, na súa maioría plátanos de sombra e carballos, ademais de tileiros e de álamos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora