Desenvolvemento Sostible proxectou unha nova zona de xogos e un pequeno parque para cans dentro dun plan de mellora integral de Amalia Álvarez.
O inicio, durante a tarde deste venres, dun zafarrancho de traballos de acondicionamento, reposición de árbores e plantación de novos exemplares de sombra supón o primeiro chanzo dun proxecto co que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra pretende renovar e poñer en valor o parque de Amalia Álvarez e as súas zonas verdes adxacentes.
O plan deseñado polo edil socialista Iván Puentes en coordinación co Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé a creación dun novo espazo de xogos infantís e dunha pequena zona acoutada para o uso dos numerosos cans que acotío saen a pasear nesta área.
Trátase de demandas que os propios veciños da Asociación da Eiriña lle transmitiron a Puentes no marco dunha visita por diversas zonas verdes do barrio para analizar o seu estado de conservación e estudar posibles intervencións. Ademais de pedirlle a dotación deste novo parque infantil e dunha parcela valada reservada para os cans (dentro da rede de parques caninos que o Concello está a impulsar en diferentes puntos da cidade), durante o encontro, no que o concelleiro estivo acompañado polo xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontáns, os veciños tamén lle solicitaron un tratamento estético das medianeiras dos edificios que dan cara a este parque. "Non se trataría de intervir directamente sobre as medianeiras, senón dun tratamento vexetal, con árbores e outro tipo de plantas, que permitiría disimular a dureza visual desas paredes que dan directamente contra o parque de Amalia Álvarez", explica Puentes.
Na reunión abordouse o proxecto co que Desenvolvemento Sostible pretende abrir ao uso público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente sobre a pasarela da rúa 12 de Novembro, entre as rúas da Estrada e As Hortas (nas inmediacións de Santa Teresa de Jesús Jornet). O concelleiro do PSOE anunciou que este plan, co que se dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreiro, suporá un investimento de máis de 500.000 euros e permitirá dotar a zona Leste da cidade dun amplísimo espazo verde.
"A parcela, que se atopa nestes momentos valada, foi recentemente obxecto de diversos traballos de acondicionamento, limpeza e eliminación de herbas da Pampa e doutras plantas invasoras. Agardamos poder presentar o proxecto cara finais de ano e xa en 2021 proceder á contratación das obras. Trátase dunha actuación prioritaria, xa que mellorará substancialmente as condicións de mobilidade peonil e a conexión de 12 de Novembro con Santa Teresa de Jesús, Amalia Álvarez, o edificio xudicial e a Estación de Ferrocarril", asegurou.
Asemade, a Asociación de Veciños da Eiriña e o concelleiro socialista coincidiron na necesidade de axardinar e optimizar o aspecto da zona verde existente entre as rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos (fronte ao mural das Mulleres de Pontevedra na Historia), "unha vez que rematen as obras dos edificios que se están a construír alí e se desmonte o guindastre instalado para darlle soporte a un deles". Tal e como precisou Iván Puentes, "a idea é plantar flor, árbores e mellorar esteticamente esa zona, presidida por unha palmeira", xerando así, "xunto con Amalia Álvarez e co futuro parque da nova pasarela de 12 de Novembro, un terceiro espazo verde que dea servizo e artelle o lecer e o benestar das veciñas e veciños deste barrio".
Os veciños plantexáronlle ao concelleiro de Desenvolvemento Sostible a posibilidade de que estes xardíns poidan bautizarse co nome da mestra e galeguista pontevedresa Daría González. No que atinxe aos traballos que se están acometer nestes días en Amalia Álvarez, Manuel Fontán indicou que, ademais de repoñerse arborado e de retirarse algúns exemplares secos, xa se procedeu á plantación de árbores de sombra (entre elas dúas moureiras e un ginkgo biloba) "para mellorar as condicións de estancia deste concorrido parque".