Proxéctase a mellora da seguridade peonil en Montecelo coa construción de beirarrúas

Pontevedra
04 de xuño 2015

Tamén está prevista a construción dunha marquesina e queren comezalas a executar a principios deste ano. O xerente dos hospitais e o concelleiro de obras mantiveron unha xuntanza este xoves 4 para tratar ademais as reformas previstas ante o Hospital Provincial que se iniciarán tras o verán

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / PontevedraViva

O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, e o concelleiro de Obras, Luis Bará, reuníronse este mediodía no concello de Pontevedra para tratar todo o relativo ás obras de mellora no ámbito do Hospital Montecelo e do Provincial.

O Concello de Pontevedra ten previsto acometer unha serie de actuacións que melloren a accesibilidade e a seguridade viaria no ámbito do Hospital de Montecelo coa construción de beirarrúas entre a cidade infantil Príncipe Felipe e o edificio hospitalario. Tamén se considera a mellora das beirarrúas da estrada que accede dende a avenida de Lugo.

Por outra parte, Luis Bará sinalou que está previsto realizar unha mellora da iluminación, a instalación de varios pasos de peóns elevados, ademais de instalar unha marquesiña para o autobús situándoa próxima á rotonda que xestiona o tráfico na entrada ao centro hospitalario, onde paran na actualidade os autobuses. A marquesiña instalarase nestas semanas.

A previsión do Concello é poder realizar o resto de actuacións urxentes relacionadas coa seguridade viaria cara ao último trimestre do ano mentres que o resto se realizarán a catro anos vista.

Por outra parte, a obra de construción da praza ante o Hospital Provincial, que o xerente manifestou que aínda non coñecía con detalle por parte do goberno local. Bará presentou o proxecto a José Manuel González indicándolle que o proceso de adxudicación está iniciado e que se podería coñecer a empresa gañadora no prazo dun mes. Dende o SERGAS piden que as obras se inicien a partir do mes de setembro, como moi pronto.

Neste sentido terase en conta un plan de seguridade e saúde da obra xa que afecta á fachada do Hospital onde se encontran ingresados un gran número de persoas con distintas patoloxías e gravidade. Dende o Complexo Hospitalario solicitouse ao Concello que non se faga a obra no verán para evitar molestias e perigos derivados do po, ante a apertura de ventás.

En canto ao párking do Sergas nas proximidades do Hospital Provincial, o concelleiro de Obras indicou que a tramitación están en vías de solución. A explotación dese aparcadoiro dependerá da Asociación Juan XXIII e terá que decidir se realiza a explotación baixo as condicións establecidas polo Concello.