O proxecto para crear zonas de inundación controlada en Valdecorvos coñecerase a principios de 2026

Pontevedra
05 de marzo 2025
Actualizado: 20:01

A zona proposta pola Xunta para a súa execución correspóndese coa contorna do rego de Valdecorvos ao seu paso por Pontevedra, concretamente na rúa Fernando Olmedo e nas súas inmediacións

Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos
Saída de ciencia popular polo regato Valdecorvos / PontevedraViva

O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, confirmou este mércores no Parlamento que o seu departamento xa está traballando na elaboración do proxecto que permitirá crear unha zona de inundación controlada no barrio de Valdecorvos.

O organismo licitou a finais do pasado xaneiro o contrato para abordar a redacción dos proxectos de dez zonas de inundación controlada, unha delas esta de Pontevedra, pensada para habilitar espazos naturais que, en caso necesario, actúen como amortecedores de posibles inundacións.

Neste sentido, a zona proposta pola Xunta para a súa execución correspóndese coa contorna do regato de Valdecorvos ao seu paso por Pontevedra, concretamente na rúa Fernando Olmedo e nas súas inmediacións.

Cun orzamento estimado en 1,6 millóns de euros, tal e como expuxo o director de Augas de Galicia, esta alternativa duplicará a capacidade de laminación ante avenidas do anterior proxecto municipal, unha proposta que, ademais, presentaba deficiencias técnicas.

En todo caso, Roi Fernández recordou que os detalles da futura zona de inundación controlada de Valdecorvos se concretarán no proxecto que está actualmente en licitación, que se prevé que estea listo a comezos de 2026 e cuxa execución dependerá da colaboración co Concello.

Será a administración municipal a que deba poñer á disposición os terreos necesarios e achegar financiamento, con independencia de que Augas de Galicia tamén poida tentar colaborar para resolver os "históricos problemas" que sofre esta zona da cidade de Pontevedra.

Así o destacou o responsable de Augas de Galicia tras a pregunta formulada pola deputada socialista Paloma Castro, que reclamou que a Xunta se coordine co Concello e co Estado para acometer esta obra, creando lagoas inundables na área verde do parque de Valdecorvos.

Castro afirmou que este problema foi "eludido" polos sucesivos gobernos municipais ata que en 2019 o concelleiro socialista Iván Puentes logrou incorporar o rego de Valdecorvos ao plan de xestión de risco de inundacións de Galicia.

A parlamentaria do PSdeG-PSOE sostivo que a execución deste proxecto pode servir como piloto para actuar de forma semellante en diferentes territorios da comunidade.