O PSdeG propón reutilizar locais baleiros para crear espazos de estudo e cultura

Pontevedra
14 de abril 2026

Segundo o grupo municipal, a elevada demanda, especialmente en épocas de exames, provoca a saturación das bibliotecas municipais e universitarias

Iván Puentes e Carmen Hermo
Iván Puentes e Carmen Hermo / Alberto de Madrid Lafuente

O grupo municipal do PSdeG-PSOE levará ao vindeiro pleno do Concello de Pontevedra dúas mocións co obxectivo de mellorar tanto as infraestruturas viarias como os servizos públicos vinculados ao estudo e á vida cultural da cidade.

A primeira das iniciativas céntrase na estrada PO-224, vía que conecta o núcleo de Bora co de San Amaro, no concello de Barro. Os socialistas instan ao Concello a solicitar á Xunta de Galicia unha intervención urxente que se concrete nun proxecto de reforma integral. Entre as actuacións propostas inclúense a ampliación da plataforma nos puntos máis estreitos e a corrección de curvas perigosas, co fin de incrementar a seguridade viaria.

Ademais, a moción incorpora un enfoque máis amplo, ao reclamar a posta en marcha dun plan de humanización que contemple a creación de sendas peonís seguras. O obxectivo é facilitar a mobilidade dos veciños de Xeve, conectando os distintos núcleos de poboación cos equipamentos públicos.

Tamén se demanda a mellora da sinalización e da iluminación, así como actuacións específicas nos accesos ao encoro do Pontillón do Castro, onde actualmente non existen pasos de peóns. A proposta complétase coa optimización do trazado e das conexións coas principais vías do norte do municipio.

A segunda moción presentada polos socialistas pon o foco nunha "necesidade crecente" detectada na cidade como é a falta de espazos de estudo e de uso polivalente. Segundo o grupo municipal, a elevada demanda, especialmente en épocas de exames, provoca a saturación das bibliotecas municipais e universitarias, deixando sen alternativas a moitos estudantes.

Neste sentido, o PSdeG-PSOE propón que o goberno local elabore un catálogo de inmobles susceptibles de acoller este tipo de instalacións, valorando a súa adquisición ou aluguer.

A iniciativa tamén aposta por definir un modelo de salas que estableza cuestións como o número de postos dispoñibles, os horarios de apertura, os servizos ofrecidos ou os sistemas de vixilancia.

Entre as medidas innovadoras, os socialistas suxiren a implantación dun sistema de reserva en liña que facilite o acceso e contribúa a unha maior democratización do uso destes espazos.

A proposta parte, ademais, da existencia de numerosos locais baleiros ou infrautilizados na cidade, e citaron algúns como os que no seu día acolleu ao cine Gónviz ou a boleira, que poderían ser reconvertidos, mesmo de maneira temporal, en salas de estudo ou espazos socioculturais cun acondicionamento básico.

Local que acolleu a antiga bolera
Local que acolleu a antiga boleira    Alberto de Madrid Lafuente