O portavoz do grupo municipal do PSOE, Iván Puentes, amosouse este mércores confiado en que o acordo cos nacionalistas para aprobar os orzamentos do Concello de Pontevedra de 2026 está cada vez máis preto.
"As conversas están moi avanzadas e creo que o acordo podería estar próximo", asegurou, tras destacar que as negociacións co BNG están "abertas".
Puentes deixou claro que o apoio dos socialistas ás contas dependerá de que sexan froito dun traballo compartido.
"Agardo que os orzamentos que cheguen a Pleno sexan os deseñados, non só polo Goberno Local, senón polo Goberno Local e o Partido Socialista. Sempre que sexa así, os apoiaremos", afirmou. Pola contra, advertiu de que non contarían co respaldo do PSOE se se tratase dun documento elaborado unicamente polo BNG e sen consenso.
Segundo explicou o portavoz socialista, as conversas xa superaron a fase máis complexa.
"Xa pasamos a fase de discutir que obras se inclúen e cales non, e niso hai practicamente acordo". A estas alturas, engadiu,"quedan poucos flocos por pechar", aínda que recoñeceu que algúns aspectos seguen pendentes de peche definitivo.
Un dos puntos fundamentais nestes momentos está no traballo técnico. Os servizos económicos do Concello están a analizar como encaixar as últimas propostas sobre a mesa e atopar o financiamento necesario para incorporalas ás contas.
Neste contexto, Puentes subliñou a importancia dunha novidade recente como é a publicación da resolución definitiva dos fondos Edil concedidos polo Goberno de España a Pontevedra.
Esta achega económica, explicou, libera parte dos recursos que inicialmente estaban comprometidos e ofrece unha maior marxe de manobra para introducir novas actuacións nos orzamentos.
Un escenario que, segundo o PSOE, achega un pouco máis a posibilidade de que as contas de 2026 saian adiante co aval de ambas formacións e cun marcado carácter consensuado.