O PSOE demanda a reforma da Casa Azul e a creación dunha Casa das Asociacións

Pontevedra
23 de setembro 2025

A formación socialista defenderá no próximo pleno unha reforma integral do inmoble de Sor Lucía para dotar ás entidades sen ánimo de lucro de espazos e recursos, e anuncia que buscará máis edificios para ampliar a oferta

Concelleiros da agrupación socialista de Pontevedra
Concelleiros da agrupación socialista de Pontevedra / PontevedraViva

O Grupo Municipal Socialista presentará no próximo pleno municipal unha proposta para transformar a Casa Azul, o edificio municipal da rúa Sor Lucía, e crear unha Casa das Asociacións moderna e funcional.

A iniciativa persegue solucionar a grave carencia de espazos axeitados que sofren os colectivos sociocomunitarios da cidade e poñer en valor un inmoble público que se atopa en mal estado de conservación.

O concelleiro Marcos Rey explicou este martes que o proxecto pasa por unha "reforma integral" do edificio, co fin de adaptalo ás necesidades reais do tecido asociativo, xa que actualmente presenta problemas de humidades e de conexión a internet, entre outras.

Humidades na Casa Azul da rúa Sor Lucía
Humidades na Casa Azul da rúa Sor LucíaPSOE de Pontevedra

A idea é crear un espazo compartido dotado de salas de reunións, zonas de traballo, conexión a internet fiable e equipamento básico, ademais de apoio técnico. "Pontevedra conta cun tecido asociativo vivo e diverso, pero moitas destas entidades carecen dun espazo físico axeitado, o que limita a súa capacidade", sinalou Rey.

Os socialistas consideran que, dada a elevada demanda, a rehabilitación da Casa Azul quedaría pequena. Por este motivo, a proposta inclúe tamén que o goberno local inicie "a busca de novos inmobles" que poidan sumarse a esta rede de espazos para asociacións. "A reforma da Casa Azul é un primeiro paso, pero é necesario ampliar a oferta", afirmou o concelleiro.

Casa Azul
Casa AzulConcello de Pontevedra

Rey recordou que a Casa Azul foi adquirida polo Concello en 1997 coa intención inicial de ser un centro de acollida para mulleres vítimas de violencia machista.

Zona con humidade na Casa Azul
Zona con humidade na Casa AzulPSOE de Pontevedra

Desde entón, o edificio converteuse nun "pupurrí" de usos, albergando ata 19 entidades diferentes nunhas instalacións que "carece de sistema de climatización porque as temperaturas en inverno son frías e andan con radiadores de aceite e no verán teñen que usar ventiladores de man porque vai moita calor", denuncia Marcos Rey.

O modelo de xestión para a futura Casa das Asociacións definiríase nun proceso participativo cos propios colectivos, estudándose fórmulas de coxestión que garantisen transparencia e eficiencia.

En canto á financiación da reforma, o portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, indicou que aínda non se ten un cálculo económico, mais avanzou que será unha das prioridades que tratarán nas negociacións dos orzamentos municipais e que se explorará a opción de acceder a fondos europeos.

Os socialistas queren recuperar unha promesa xa incluída no programa de goberno do anterior mandato cando formaban parte do goberno local e que, segundo eles, o actual executivo (BNG), segundo denuncian, "parece ter esquecido".