O secretario xeral do PSdeG-PSOE, David Regades, reuniuse esta luns telematicamente con alcaldes e portavoces socialistas da provincia para analizar a vaga de lumes deste verán, que en Pontevedra se saldou con sete grandes incendios de nivel 2, como foi o caso de Vilaboa, que obrigaron a Xunta a solicitar apoio estatal.
Na xuntanza, que contou coa participación do subdelegado do Goberno, Abel Losada, concluíuse que ninguén pode negar "o caos de descoordinación que evidenciou a Xunta no combate contra o lume forestal" nin a ausencia de políticas de prevención durante todo o ano.
Os representantes municipais denunciaron os criterios "caciquís e partidistas" na repartición das motobombas forestais.
Segundo expuxeron, moitos concellos con alcaldía socialista dispoñen só dunha motobomba con 45 anos de antigüidade, mentres que as de A Lama, Moraña e A Estrada "están no garaxe" porque estes tres concellos do PP rexeitaron a última hora crear un Grupo de Emerxencias Supramunicipal.
"Non pode ser que cada temporada esteamos encomendados á choiva", afirmou Regades, quen lamentou que Galicia se sumase ao "coro de comunidades autónomas gobernadas polo PP" que solicitan máis medios dos dispoñibles no mecanismo de solidariedade europeo.
Os alcaldes queixáronse do "galimatías" de transferencias de competencias impropias, especialmente pola imposición aos concellos das notificacións sobre a obriga de limpar as faixas secundarias de 50 metros ao redor dos núcleos urbanos. Segundo relataron, envían milleiros de expedientes de incumprimento "pero a Xunta non resolve ningún".
Tamén criticaron que as autorizacións de limpeza urxente en parcelas con afectacións patrimoniais tarden ata medio ano en ser aprobadas pola Consellería.
O PSOE provincial apoiou a proposta de Pedro Sánchez dun gran Pacto de Estado sobre o Cambio Climático, contrastando coa "parálise normativa" da Xunta. A Lei de Incendios de Galicia é de 2007 e o anteproxecto dunha nova lei está aparcado desde 2021.
Abel Losada explicou que a Xunta "optou por elevar a emerxencia só a nivel 2, sen chegar ao nivel 3, para poder reclamar medios e manter confrontación co Goberno de España".
O subdelegado rexeitou que se pidan soldados, argumentando que "os lumes forestais apáganos os bombeiros profesionais".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.