PSOE e BNG asinan un pacto de goberno sen Veciñanza de Cuntis

Umia
28 de xuño 2015

Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG e o único edil do BNG formarán un goberno en minoría no Concello de Cuntis, no que non participará Veciñanza de Cuntis

Goberno municipal de Cuntis
Goberno municipal de Cuntis

Os tres concelleiros do grupo municipal do PSdeG e o único edil do BNG formarán un goberno en minoría no Concello de Cuntis, no que non participará Veciñanza de Cuntis.

Esta plataforma cidadá a terceira forza máis votada no municipio propiciou a investidura como alcalde do socialista Manuel Campos, pero durante as negociacións para formar un goberno tripartito non houbo acordo ao esixir estes unha dedicación exclusiva para o seu edil.

Xunto ao alcalde Manuel Campos, o único con dedicación exclusiva, gobernará Concepción Campos como primeira tenente alcalde, e o nacionalista Enrique Portela como segundo tenente alcalde. O socialista José Manuel Lema formará parte do equipo de goberno local.

O PSdeG asumirá a xestión das áreas de Urbanismo, Economía e Facenda, Medio Ambiente, Sanidade, Promoción do Emprego, Persoal e Seguridade Cidadá, Obras, Mantemento e Servizos, Xustiza, Servizos Sociais, Innovación e Industria, Deporte, Igualdade, Medio Rural, Agricultura Forestal e Concentración Parceira.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego faise cargo de Cultura, Patrimonio, Turismo, Comercio, Normalización Lingüística e Educación.

No pacto de goberno figura como principais obxectivos aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a posta en marcha do plan de sectorización do polígono industrial da Ran e a entrada en funcionamento do Centro de Día.