O grupo municipal do PSdeG-PSOE levará ao próximo pleno unha moción para esixir o recoñecemento da exención do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ás comunidades de montes veciñais.
A iniciativa foi presentada este mércores en rolda de prensa polos concelleiros Iván Puentes e Marcos Rey, acompañados por Carlos Morgade, representante da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, e Pepe Pereira, presidente de honra da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (ORGACCMM).
Puentes explicou que a moción responde a unha demanda das comunidades de montes do municipio, que "levan anos batallando co Concello para que se cumpra a lei".
Neste sentido, lembrou que, aínda que o Real Decreto Lexislativo 2/2004 no seu artigo 62 como a lexislación específica sobre os montes veciñais en man común están exentos do IBI desde 1980, o Concello segue xirando recibos e obrigando ás comunidades a recorrer para que se lles devolvan os importes cobrados.
Carlos Morgade explicou que se trata dunha problemática que se prolonga desde hai máis de dúas décadas e que, segundo indicou, derivou en situacións "absurdas", como intentos de cobrar o imposto por terreos onde se sitúan infraestruturas públicas, como é o caso do hospital Montecelo.
Na mesma liña, Pepe Pereira cualificou a situación de "irregularidade xurídica" e subliñou que a exención non só afecta o solo, senón tamén ás edificacións vinculadas aos usos do monte, incluídas aquelas con actividade económica.
Lembrou, ademais, que existe xurisprudencia consolidada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Tribunal Supremo.
Desta maneira, a moción socialista expón que o Concello recoñeza expresamente o dereito á exención do IBI e exclúa de forma definitiva as comunidades de montes do padrón de contribuíntes, e que inicie os trámites para devolver os importes cobrados indebidamente nos últimos anos, dentro dos prazos legais.
Marcos Rey incidiu en que se trata "dunha cuestión legal e de sentido común" e confiou en que a proposta conte co respaldo do resto de grupos municipais no pleno do luns, onde será debatida tras o seu paso pola comisión de Facenda.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.