A activación dos trámites para executar a dragaxe do río Lérez, anunciada por Portos de Galicia, foi acollida con optimismo moderado por parte do PSOE de Pontevedra.
O seu portavoz municipal, Iván Puentes, celebrou o inicio do proceso, pero instou á Xunta de Galicia a pasar dos anuncios aos feitos e a acelerar a execución dunha obra que, segundo lembrou, acumula máis dunha década de atraso.
Puentes reclamou que o goberno galego "poña xa, inmediatamente, as máquinas a traballar" e que, de maneira paralela, inicie os trámites necesarios para ampliar a dragaxe ao treito comprendido entre as pontes das Correntes e dos Tirantes.
Ao seu xuízo, só unha actuación máis ampla permitiría lograr "un Lérez absolutamente rexenerado no centro da cidade".
O portavoz socialista cualificou o anuncio como "unha boa noticia que chega tarde", equiparando este atraso ao doutras infraestruturas que considera estratéxicas para a comarca, como o Hospital Montecelo.
Na súa opinión, a demora responde á "obstinación da Xunta en confrontar co Goberno central e en empregar a dragaxe como arma arroxadiza", aínda que recoñeceu que, finalmente, "parece que impera o sentido común e que a obra se vai desenvolver".
Non obstante, Puentes mostrou reservas sobre algúns aspectos da proposta autonómica.
En particular, botou en falta que se contemple a posibilidade de tratar en terra parte dos lodos extraídos, unha opción que considera "máis acaída desde o punto de vista ecolóxico" e que, segundo sinalou, axudaría a evitar problemas ás persoas que viven da actividade marisqueira.
"Veremos o que acontece unha vez que comecen a retirarse eses lodos", advertiu.
Durante unha comparecencia ante os medios, o líder socialista insistiu en que o fundamental é ampliar a zona de actuación para evitar que o río volva degradarse a medio prazo. "Non podemos permitirnos ter que agardar outros dez ou quince anos para ver o Lérez nas condicións nas que debe estar", subliñou.
Segundo explicou, o proxecto da Xunta céntrase na área que considera máis urxente, entre As Corbaceiras e o Club Naval, ata aproximadamente a ponte das Correntes.
Porén, o PSOE defende que a dragaxe debería estenderse, como mínimo, ata a ponte dos Tirantes, co obxectivo de retirar áridos do tramo central do río, eliminar unha parte significativa dos residuos procedentes da antiga Tafisa que aínda permanecen no fondo e avanzar cara a unha rexeneración ambiental real do Lérez no corazón de Pontevedra.