Losada advirte o Club Naval que a tramitación do dragado do Lérez durará "non menos dun ano"

Pontevedra
30 de setembro 2025

Segundo adiantou o subdelegado do Goberno, agora tócalle mover ficha a Portos de Galicia, que deberá elaborar un proxecto detallado e sometelo a unha Avaliación de Impacto Ambiental

Enrique Dobarro, Abel Losada y Ana Pavón
Enrique Dobarro, Abel Losada y Ana Pavón / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reuniuse co presidente e a secretaria do Club Naval de Pontevedra, Enrique Dobarro e Ana Pavón, para explicar que o Ministerio para a Transición Ecolóxica autorizou tres novos puntos de vertedura para as dragaxes nas Rías Baixas. Ademais, explicou en que punto permanece o proceso para dragar o fondo da ría de Pontevedra.

Segundo adiantou Losada, agora tócalle mover ficha a Portos de Galicia, que deberá elaborar un proxecto detallado e sometelo a unha Avaliación de Impacto Ambiental. Non será un trámite rápido, segundo avisou, ao tratarse "dun procedemento que durará non menos dun ano".

O subdelegado destacou o cumprimento do compromiso de emitir durante o verán o informe técnico da Dirección Xeral de Biodiversidade, que permitiu habilitar os novos puntos de vertedura. Este informe foi froito do traballo dunha comisión mixta integrada por Portos do Estado, Portos de Galicia, as Autoridades Portuarias de Vigo, Marín e Vilagarcía, así como o Centro de Estudos do Ministerio de Transportes (CEDEX).

Losada subliñou que é fundamental informar con rigor técnico para contrarrestar discursos "demagóxicos" que, segundo dixo, non axudan nun asunto tan delicado. Lembrou que o informe do Ministerio é "estritamente técnico" e obriga a que calquera proxecto futuro para dragar o fondo mariño pase por unha avaliación ambiental completa. Esta avaliación inclúe estudos sectoriais de diferentes organismos e debe ser validada finalmente polo Ministerio.

Un dos puntos crave deste proceso é cumprir coas Directrices de 2021 sobre como caracterizar o material da dragaxe e que facer con el. Segundo estas normas, os sedimentos clasifícanse en tres categorías (A, B e C) segundo o seu nivel de contaminación, e en función diso, poden ter distintos usos: desde a rexeneración de praias, ata recheos en terra ou mesmo como base para materiais de construción.

Para analizar estes materiais téñense en conta aspectos como o tamaño do gran, os niveis de carbono e nutrientes, a presenza de contaminantes, metais, toxicidade... e mesmo factores estéticos. E antes de decidir o seu destino final, tamén se debe avaliar se o uso é viable técnica e economicamente, ademais de establecer un seguimento posterior.

Por todo isto, Losada pediu prudencia: "a estas alturas resulta aventurado dar por feito que o material se vai a verter no novo punto de vertedura B", explicou, referíndose ao espazo validado recentemente polo Ministerio para posibles verteduras nas rías de Arousa e Pontevedra. Este punto está situado a 1,8 km do anterior (E/8), fronte á illa de Sálvora, e está dentro dunha zona protexida polo seu valor ecolóxico, tanto pola súa biodiversidade mariña como por ser un espazo ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e parte da Rede Natura 2000.

Nese sentido, insistiu na necesidade de deixar de lado as "declaracións partidistas" e centrarse nos criterios técnicos. Tamén quixo aclarar que, cando se falaba de que había 3 millóns de euros "parados" nos orzamentos da Xunta, "non se estaba contando toda a verdade, senón realizando un movemento propagandístico".

Finalmente, Losada lembrou que aínda é pronto para decidir se o material da dragaxe irá ao mar ou a terra, xa que esa decisión tamén está regulada e dependerá dos estudos que se realicen.