Transición Ecolóxica recoñece que Sálvora non é o punto "más adecuado" para verter os áridos do dragado do Lérez

Pontevedra
12 de maio 2025
Actualizado: 18:17

"Le garantizo que vamos a ser todo lo escrupulosos que hay que ser en estos casos", aseguroulle Hugo Morán a Carme da Silva, que reclamou que o Goberno non autorice ese punto de vertedura

Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente
Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente / Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP)

Para o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a contorna da illa de Sálvora "no parece que sea el punto de vertido más adecuado" para depositar os lodos que se extraian do dragado do río Lérez, en Pontevedra.

Así o recoñeceu na comisión de Transición Ecolóxica do Senado, tras unha pregunta realizada por Carme da Silva, senadora do BNG, que reclamou que o Goberno non autorice que estes áridos acaben convertendo a ría de Arousa nun "vertedoiro".

Morán lembrou que o ministerio encargou un informe ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) que concluíu que Sálvora debería ser considerada como a opción prioritaria "y estamos analizando la información recibida".

"Le garantizo que vamos a ser todo lo escrupulosos que hay que ser en estos casos", contestoulle o secretario de Estado á senadora do BNG, ante a que se comprometeu a traballar para "evitar problemas de carácter ambiental".

A este respecto, o dirixente asegurou que "no sabría decir cuál va a ser el resultado final de esos análisis", aínda que avanzou que a Dirección Xeral de Biodiversidade "identificó los riesgos que se veían denunciando" sobre o ecosistema da ría de Arousa.

Da Silva reivindicou que os áridos do Lérez "deben tratarse en terra", xa que a zona a dragar até hai dúas décadas recibía augas residuais da cidade e as verteduras que xeraba a antiga fábrica de taboleiros de Tafisa.

"As rías galegas son demasiado sensibles e demasiado ricas para o sector pesqueiro e marisqueiro como para ser tratadas como un vertedoiro", reiterou a senadora nacionalista, que insistiu en que eses lodos son "residuos".

Ademais, lembrou que o Parlamento galego aprobou en 2019 un acordo unánime para que Sálvora non se utilizase como punto de verteduras, polo que lle resulta "rechamante" que o PP manobre agora en contra do consenso alcanzado hai seis anos.

A ría de Arousa, sentenciou Carme da Silva, "o que necesita é unha rexeneración e non ter máis ameazas".