O Grupo Municipal Socialista levará ao próximo pleno ordinario, que se celebrará o luns 22, unha moción na que esixe ao Goberno israelí "o cesamento inmediato de todas as hostilidades militares e non militares" na Franxa de Gaza, que cualifica de "xenocidio" contra o pobo palestino.
Así o anunciou este mércores o portavoz do PSOE, Iván Puentes, quen subliñou a necesidade de que o Concello de Pontevedra adopte unha "postura institucional clara" ante unha situación de "máxima gravidade".
Puentes baseou a urxencia da moción en "novos acontecementos" producidos desde que se rexistrou o texto, hai tres días, como o informe da ONU que xa utiliza o termo "xenocidio e exterminio", e en datos que sinalan case "20.000 nenos e nenas asasinados" por Israel.
O portavoz socialista sinalou que o Goberno de España está a ser "vangarda" en Europa na defensa dos dereitos humanos e que, do mesmo xeito que se condenou e sancionou a Rusia pola invasión de Ucraína, debe facerse agora con Israel.
"Ningunha persoa de boa fe, independentemente de que sexa de esquerdas ou de dereitas, debería ter problema en respaldar" as sete medidas propostas, afirmou Puentes. Estas inclúen esixir o cesamento das hostilidades, garantir o acceso seguro da axuda humanitaria, apoiar as iniciativas diplomáticas do Goberno español, reafirmar o recoñecemento dun Estado palestino independente e trasladar o acordo ás institucións estatais e internacionais.
O portavoz cuestionou con dureza a postura do PP estatal, ao que acusou de "mostrarse equidistante ou directamente branquear e xustificar" o que está a suceder, en contraste coa súa firme condena da invasión rusa.
"Estamos intrigados por saber que pensa o Partido Popular de Pontevedra", dixo, referíndose directamente ao portavoz municipal popular Rafa Domínguez e a concelleira Pepa Pardo.
Puentes confirmou que o BNG xa se puxo en contacto con eles para "acordar o contido da moción" e actualizar algúns puntos do texto orixinal, que xa queda "desfasado" por mor da rápida evolución dos acontecementos.
O obxectivo, sinalou, é deixar claro "que non é un conflito armado, senón un xenocidio" e lograr un "pronunciamento unánime" de toda a Corporación Municipal.
Sobre a posibilidade de declarar, como xa sucedeu en Vigo, "persoa non grata" ao primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, Puentes non tivo reparos en sinalar que "non hai ninguén no mundo máis merecedor" dista consideración, mais indicou que a moción se centra agora nas medidas máis urxentes.