O Concello de Vilagarcía puxo en marcha este venres a campaña de sensibilización "Vilagarcía con Palestina", unha iniciativa coa que se busca trasladar á cidadanía a gravidade da situación que vive a poboación civil na Franxa de Gaza e reclamar a implicación da comunidade internacional.
O acto arrincou co izado da bandeira palestina no balcón da Casa Consistorial, no que participaron o alcalde, Alberto Varela, membros do BNG e un numeroso grupo de veciños.

A campaña inclúe tamén unha recollida de firmas na praza de Galicia, que se desenvolverá durante a tarde deste venres de 18.00 a 20.30 e na mañá do sábado de 11.00 a 13.30 horas, así como a distribución de pancartas coa lema da iniciativa para que poidan ser exhibidas en vivendas e comercios.
O alcalde destacou que "a política ten que marcar as prioridades, e hoxe a prioridade debe ser parar o xenocidio en Gaza". Varela cualificou a situación de "masacre" e recalcou que "a comunidade internacional ten que facer forza para detela".
A veciña Vicky Seijas, portavoz da plataforma cidadá que impulsou a campaña, lembrou que a iniciativa xurdiu "tras as últimas declaracións de Netanyahu, deixando claro que non ía parar até arrasar con todo". Engadiu que os participantes senten a necesidade de "dar a batalla", porque "non queremos ser partícipes do que está a pasar en Palestina".
Desde o BNG, Xabier Rodríguez denunciou que "o que está a suceder é un xenocidio premeditado que busca facerse co control do territorio", trasladando a solidariedade da formación coa poboación gazatí.
Durante o acto celebrouse a lectura do manifesto, no que subliñan que "non podemos permanecer en silencio mentres se comete un crime contra a humanidade á vista de todos". O texto asegura que Gaza vive "unha das ofensivas máis brutais da historia recente, con bombardeos indiscriminados sobre hospitais, escolas e vivendas" e alerta de que o bloqueo israelí "impide a entrada de medicamentos, alimentos e axuda humanitaria, condenando a familias enteiras á inanición".
No manifesto denuncian expresamente a ocupación militar israelí, que nega a Palestina o dereito a vivir libre na súa terra; o xenocidio en curso, que viola os principios do dereito humanitario internacional; o bloqueo da axuda humanitaria, que consideran un "crime de guerra", así como os ataques contra cooperantes, sanitarios e xornalistas que traballan na zona.
Ao mesmo tempo, demanda un cesamento do fogo inmediato e permanente, a entrada sen restricións de axuda humanitaria e o fin da ocupación israelí dos territorios palestinos.
Os promotores da campaña concluíron que Vilagarcía quere facerse ouvir "comprometida coa xustiza, a paz e os dereitos humanos" e que este é un xesto para reafirmar a súa solidariedade con Palestina.
Non é a primeira vez que o goberno local manifesta publicamente o seu apoio ao pobo palestino. Xa en maio de 2024, o pleno municipal aprobou unha moción de condena dos ataques contra a poboación civil, e o Concello colaborou na presentación do libro "Ojos de Palestina", do médico residente na cidade Anan Abdalah.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.