Ribadumia, gobernada polo PP, condena o "xenocidio" en Gaza e a xestión de Netanyahu

O Salnés
07 de setembro 2025

Nun comunicado, o equipo de goberno quixo expresar o seu rexeitamento aos "crimes" que Israel está a cometer sobre a poboación palestina e ve "dubidosa" a actitude da UE ante este conflito

Protesta contra o xenocidio en Gaza
Protesta contra o xenocidio en Gaza / EFE - Moncho Fuentes

O Concello de Ribadumia, onde goberna o PP con maioría absoluta, mostrou a súa "absoluta repulsa e condena" ante o xenocidio de Israel sobre Gaza e censurou a xestión do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.

Nun comunicado, o equipo de goberno quixo expresar o seu rexeitamento aos "crimes" que Israel está a cometer sobre a poboación palestina.

A ese respecto, propuxo a todos os partidos da corporación municipal aprobar unha declaración institucional como "mostra de unión" ante a situación actual de Gaza.

Para iso, proporá a creación dunha mesa de traballo para acordar esta declaración, que esperan que sexa apoiada de forma unánime por todas as formacións políticas.

Ademais, o goberno municipal mostrpu o seu apoio á intención do Goberno de romper relacións diplomáticas con Israel e de deter a compravenda de armamento con ese país.

O executivo de Ribadumia, aínda que non retirará a bandeira da Unión Europea do Concello como solicitaba a oposición, considera que "moi posiblemente" os responsables comunitarios deberían recibir un "toque de atención" pola súa posición sobre este conflito.

Afirman que o seu comportamento sobre o xenocidio en Gaza está a ser "dubidoso", pero reiteran que a UE "é moito mais que a xestión deste xenocidio", polo que defenden que "é o momento de estar unidos e de buscar apoios".